castañazo rock, onde o frío non chega
Esta fin de semana, venres e sábado había dúas celebracións que me levaban o interese. O GALEUSCAT, unha. Outra, o Castañazo Rock que se volvía a celebrar en Chantada. O Castañazo morrera de morte matada. Houbo interese político, ben grande, en que desaparecese e detrás dese interese está o partido político que voste pode adiviñar sen moito esforzo. Escollín o Castañazo. Á marxe dos concertos, clebrouse a presentación dun cd (120 capadores) de homenaxe aos Diplomáticos de Montealto que ten unha pintaza impresionante e veu despois un coloquio sobre o fenómeno bravú (ao que, por diferentes motivos, non asistiron os agardados Manuel Rivas, Jaureguizar, Suso Iglesias) e no que me tocou falar da literatura bravú. Lembran aquela ilusionante esperanza que significou o fenómeno bravú? Lástima que na literatura non houbera unha aposta máis decidida. Pola nosa parte, nas páxinas de A Nosa Terra, contribuímos como mellor puidemos tratando de identificar, caracterizar, formalmente aquel produto, aquela rebelión do ánimo que reivindicaba (mesmo epicamente) o valor do humilde da realidade que nos rodea, cousa de extraordinaria importancia para un pobo como o galego afeito a desprezarse. No debate (ao que asistiron máis de 200 persoas e se prolongou durante case dúas horas, é dicir: foi un exitazo, a ver quen reúne esa xente nunha cidade!) fóronse achegando opinións e máis opinións, todas dando como obvio que o fenómeno bravú era algo pasado, algo que fora, algo morto ao que se lle rendía homenaxe. Mentres falaban, en miraba para o meu fillo, 8 aniños, que sabe de memoria as cancións dos Rastreros (de Zënzar, dos Ruxe, que habían tocar despois), a quen homenaxeba o Castañazo, que se volveron xuntar para a ocasión, dos que o meu fillo, 8 anos, sabe de memoria as cancións, para el o bravú non morreu, estaba ben vivo.
E foime vindo outra imaxe ás mentes. De hai 13 anos. Zona de copas, o Killo buscando por aquí e por alí apoios que permitiran celebrar o Castañazo. Grazas polo empeño, meu, no nome do meu fillo, no de todos os que aínda cremos na forza creadora.
chúzame -