fervura de reflexións sobre a crítica
Reflexionaba Manuel Xestoso a cerca do papel da crítica e do crítico literario na sociedade actual, número 1293 de ANT. Abel Bastos Baptista, profesor da Universidade Nova de Lisboa e convidado á mesa redonda na cal dialogaron as críticas das literaturas ibéricas ( en eukera, catalán, catelán, galego e portugués, porque outras hai ademais…), no espazo de debate da I Xornada da Crítica de Galicia , celebarda no pasado setembro en Compostela e na que se estreaba a Sección de Crítica da AELGA, principiaba, lembramos, a súa intervención inicial trazando un irónico debuxo: Portugal é un país tan moderno, que está tan á última, que nel crítica xa non existe. Alén da dimensión máis ou menos hiperbólica, a pregunta de fondo é: pode permitirse a sociedade actual prescindir do crítico e da crítica literaria?
Iratxe Retolaza ( profesora da EHU-UPV), pola súa vez, acenaba cara a resposta ao indicar como en Euskadi foron nacendo recentemente crítica e crítico literario respondendo a unha necesidade social. Vamos, se non a hai: hai que creala. Pódese pensar que as culturas vehiculizadas en linguas como o esukera ou o galego precisan observar métodos de conduta, proteccionistas e potenciadores das súas expresións, dos que outras con meirande poder económico-mediático fican salvas? Poder, pode; é totalmente lexítimo e, se cadra, necesario. Iso si, tamén é unha formulación un tanto hipócrita: agacha que a determinadas literaturas úrxelles calquera tipo de actualización que as tire do pozo de silencio no cal foron guindadas desde intereses políticos espúreos. Úrxelles, polo ben da humanidade. Mais non é a onde queremos chegar. Non vaia ser que dean/deamos en pensar “pobriños: can fraco, da tabada dunha pulga espicha”.
Nin teño intención de obsesionarme (tampouco poderei evitalos, desde outra perspectiva) cos efectos da mercantilización do libro, sobre o proceso de, chamémoslle, monopolización oligárquica a que están expostas as producións culturais nestes tempos de, asoballante, capitalismo salvaxe post-caídamurodeberlín. Ben expostos están, lembro outravolta o artigo de Manuel Xestoso, mais nesta marea outros portos hai nos que tamén é preciso recalar –iso si, sen esquecer meditar naquelas xeografías polas xa pasamos.
Está en crise a literatura? Está. Cando non estivo? A evolución é intríseca á producción cultural, a evolución non se entende sen crise, é dicir: sen cambio. Unha crise como non viviu outra desde a creación do alfabeto, nin sequera a revolución Gutemberg se lle pode comparar. Véxase que non nos estamos referir exclusivamente á literatura galega. Que ten de novo, de especial esta crise actual? Algo que nunca pasou: a modificación do que se vén chamando contrato lector, a modificación da estratexia decodificadora que o discurso literario pacta co lector. Modificación por inclusión, non por exclusión. En que consiste? Á par do tipo de lectura que consagrou a modernidade (horizontal, pasiva, pouco reflexiva, pechada: conclúe logo da derradeira palabra lida) aparece outra nova (vertical, activa, reflexiva, aberta: o discurso só remata na mente do lector). Tamén nunca o panorama literario foi tan confuso, pódese engadir, se os mesmos xéneros viron esvaecerse (máis para o autor que para o lector) os lindes definitorios. Perdón, quería dicir que nunca foi máis rico.
Imporíase dicir agora que quen avisa/avisou é a crítica. E en tempo, que aínda está lonxe de rematar o proceso. Para unha literatura como a galega, sempre no gume, sempre ameazada, saber isto e actuar en consecuencia pode resultar transcendental. Aqueles que son capaces de acceder ao novo contrato lector, son lectores extremadamente fieis. De sabermos fidelizar ese lectorado atoparemos unha boa razón para ser optimistas, para non tremer ante a palabra futuro. Téñase en conta que (falo en palabras de Lauro Zavala, profesor da Univerisidade de Xochimilco e da máxima autoridade na materia), este tipo de literatura axenérica é a mellor situada á hora de carcacterizar o século XXI como a novela carcterizou o XX. Porén a crítica pouco máis pode facer que avisar. Se, como está a suceder, consideramos a lectura como un acto puramente individual, individual é a decisión de escribir e individual a de ler, entón estamos anulando a finalidade do libro e do discurso literario, que non é outra que a difusión, a democratización, a universalización do coñecemento. E velaí que o papel do crítico resulta fundamental: é a través da actividade da crítica como se inicia a socialización da lectura, inclusive, en máis casos dos que un quixera, será a única socialización que lle reste ao libro na memoria do tempo (ese burato negro de silencio e esquezo ). Non se estrañe ninguén se digo que esa é tamén a xustificación da actividade crítica que sobre todas prevalece. Non se pode negar, nin quero minimizar, a función orientadora da crítica. Sincrónica, fundamentalmente. Nin tampouco a respectiva divulgadora; e detereime aquí un chisco máis: a función divulgadora da crítica de novidades resulta crucial en calquera literatura e na galega especialmente, non só por informar (con mellor ou peor fortuna) de como é unha lectura senón por informar tamén de quen é o autor e que lugar ocupa no sistema literario, datos relevantes sempre e máis aínda para nós, que vivimos un, impensábel hai só vinte anos, incremento no número de rúbricas de novos creadores. Cómpre ir difuminando aquela imaxe da crítica como censora e creadora e canon. Hoxe, o universo de lectores é moi variado, de lectores que posúen niveis de lectura dispares, ningún deles pode ser desprezado, todos son elos da mesma cadea, e dá igual que a a cadea sexa evolutiva, que cada chanzo supoña superación do anterior estadio lector ou non, evitalos ou negalos aquivale a reducir a potencialidade da cadea, é como aforcarse por inanición.
Non esgotamos con isto as funcións da crítica, non. Imposíbel. As funcións da mensaxe literaria, e tamén da mensaxe da crítica, como as da linguaxe, non existen, son pura quimera. O que hai son usos. Hai quen usa a literatura para chamar o sono, para pasar o tempo, para ligar, para significarse socialmente, para que o conviden a unhas nécoras, para cultivar o egocentrismo, para superar eivas, para aprender…inclusive para adornar mobles, ou como forra dun pé mal medido. E volvemos ao novo tipo de lectura. Porque eses usos non os decide o crítico senón o utente, o lector da crítica. -o que non resulta lícito é que o utente manipule a crítica para facer política, con finalidades políticas non confesadas, obstruccionistas do sistema que, suponse, defenden-. Cae de caixón, a crítica de novidades debe modificar tamén a forma e tipo da súa mensaxe en función dese novo contrato lector, informar cada vez máis desde a suxestión e menos desde a prescrición, cultivando e estimulando a decodificación activa, sen obsesionarse con demostrar elevadísimo grao de cultura e intelixencia, que o lector pode interpretar como pedantería. Non é doado, é algo novo e, por riba, por moito que o crítico renove forma e fondo da súa mensaxe, o medio no que a fai pública pode rexeitala ou, unha parte do lectorado, non entendela.
Dúas críticas, a de novidades e a académica? Pois si. Teñen finalidades diferentes. Tamén a lectura dunha primeira edición é diferente á lectura dunha edición prologada e anotada. Quéirase ou non, o libro é un obxecto no mercado, e, como tal, pois logo, para o lector (consumidor) é un perigo non dispoñer de información sobre ese produto. Así están as cousas. Non digo que así deba ser. De feito, cada día que pasa o lectorado é máis diverso, máis culto en moitos casos, e tamén máis autónomo. Tamén, nese extremo terceiro, necesita a crítica de novidades, xustamente é o que máis utilidade lle atopa.
Un outro aspecto no ronsel da socialización, xa vai sendo hora de que en lugar de campañas pro-lectura caras e escasamente produtivas empecen a facerse as cousas doutro xeito, cun chisco de sentidiño, non se pode seguir tratando o libro como se fora unha barra de pan ou unha garrafa de lixivia. É preciso evadirse da mentalidade mercantil-consumista-globalizadora, íncubo ou súcubo, que o capitalismo espalla case como única alternativa, como única solución á difusión de calquera produto. A Administarción, si a Administración, debe fomentar a socialización do libro; a socialización do libro debe ser o alicerce de calquera política cultural e ou educativa que queira pretender ser eficaz. A maneira máis inmediata é apostar pola rede de bibliotecas públicas, informando das posibilidades que ofertan, formando no seu uso e universalizando o seu acceso. E tamén, tamén debe ir pensando en protexelo das falsas socializacións, como a banalización que do libro fan as empresas xornalísticas, aparentemente democratizan o acceso á literatura, aparentemente, porque o que en realidade fan é tirar pedras contra as casas editoras (por certo, industrias máis serias e menos subvencionadas), ocórresenos que sendo urxnente discriminar a industria editorial do libro daquelas que impriman calquera outro produto.
Para finalizar esta fervura
O libro, unha vez que é obxecto de crítica, xa non é o mesmo; ah, esa plusvalía...
A crítica non debe, non pode, renunciar aos estándares de calidade; no actual panorama literario son moitos, diversos, en evolución como evoluciona o troco de mentalidade –non sabemos onde chegaremos, si sabemos que a maneira de pensar da modernidade está dando as últimas bocadas, que xa a razón xa non é o motor da vida-, o lector, o utente da crítica tamén ten que telo en conta.
Política cultural e política económica son interdependentes. Boten unha ollada á Historia. Non hai progreso económico que non se asente na actividade, no progreso, cultural . Dito con outras palabras, o progreso económico depende do cultivo cultural. Se a política económica canibaliza, devora, a cultural, é o comezo da fin da súa puxanza, peto esburacado sen remendo eficaz coñecido.
XMEYRE (2008)
chúzame -