ferradura en tránsito

Xuro que enaltecerei o meu idioma coma máxima expresión da creatividade e sabedoría do meu pobo.(Noeli Pocaterra)

Archive for febreiro 7th, 2008

sobre o fomento da lectura

Posted: xoves, febreiro 7th, 2008 @ 2:14 pm in POLÍTICA, SOCIEDADE, CULTURA | No Comments »

Vén de recibirse no centro  onde exerzo unha CIRCULAR INFORMATIVA SOBRE PROGRAMAS DE FOMENTO DA LECTURA E DAS LETRAS GALEGAS, emanada desde a Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.

Despois de case vinte anos de actividade crítica, uns dez anos á fronte dunha biblioteca que cando a recibín estaba pechada con sete candados, de crear un club de lectura (dous, porque este ano creei outro, posibelmente o club de lectores máis numeroso do país), de levar esta bitácora (onde son centro, onde ensaio, ou téntoo, novas maneiras de achegar o libro ao lector nas Crónicas da Crítica), de levar o PINGA LECTOR (que pretende abrir o proceso lector ao público e difundir a lectura)...vamos, despois de levar toda a vida entre libros e lecturas... creo que algo sei do tema, quizá máis do que non se debe facer que do que hai que facer, porque a experiencia lévame ensinado así.

Xa o comentaba, polo menos insinuaba, noutra anotación, na Fervura de ideas sobre crítica. Aínda estando no mercado, o libro é unha mercadoría especial, que como tal non existe, ou só existe virtualemente en canto non se socialice a lectura, en canto a lectura dunha determinada obra non sexa unha mensaxe social.

Se se concibe a lectura como unha actividade individual, un ghetto privado, estamos limitando o seu fomento.

A única estratexia efectiva que coñezo para fomentar a lectura en sectores que non a teñen como actividade habitual, é o convencemento, boca orella, as recomendacións, pero feitas por alguén que coñece o demandante e está disposto a darlle suxestións de acordo cos preferenzas que o potencial lector manifeste. A única. Tratar o libro con cariño dá resultado, se o lector percibe que se trata o libro como a un xampú, pasa, está farto de vendedores.

Por suposto, isto non é cuestión de tecnócratas, de marketing e esas cousas. Só pode transmitir, estou convencido, amor polos libros e necesidade de ler, quen é un lector convencido, alguén que ama os libros como a vida, se cadra máis.

Outra cousa son as falsas, as campañas que, como esta da Xunta, confunden o nariz coas témporas, con boa intención, si, mais erradas desde a súa concepción.

Esta circular, por exemplo. Contén o Calendario das Letras, vamos : efemérides que se suxiren de obrigado cumprimento. Día de Rosalía, Día Mundial da Poesía, Día Internacional do Libro...esas cousas. Figura un  Premio ás entidades que organicen proxectos de animación á lectura. Un catálogo de creadores e actividades. Exposicións. Ciclobibliotecas. Información sobre o Salón do Libro  de Pontevedra (vaia, non se celebrou xa?), as Semanas do Libro e a Lectura, que non seide que irán...

Vamos. A lectura é un acto íntimo que se realiza plenamente na socialización. Repetimos. O que propón a circular como actividades de animación á lectura non son tal, son actividades que o que fan é facer visíbel a biblioteca, actualizar un espazo que adoita pasar desapercibido, e está ben, pero unha cousa é o nariz e outra as orellas aínda que ambas estean no rostro.

Hoxe, a biblioteca debe ser un centro dotado de múltiples recursos lectores, tan válidos uns como os outros. Ben. Pero iso non debe dar pé a que se organicen circos a redor dela. Se non se socializa, fica orfo, este acto voluntario, que se realiza en soidade, que require concentración e ocupa tempo...en fin, todo menos un circo, outra cousa sería se ese circo axudara á socilización, pero a socialización, para ser críbel, só pode partir do lector, nós só podemos incentivala, e ese é o mellor premio para quen leu, para o lector, partir del semalla o lóxico.

E ademais, ademais, cando se programen actividades "de fomento da lectura" é hora de ter en conta que hoxe existen diversos tipos de contrato lector, é urxente educar á xente na súa decodificación porque usar un método incorrecto equivale a que se instale en ti a frustración e entón xa a temos liada.

Chuzame! chúzame -