ferradura en tránsito

Xuro que enaltecerei o meu idioma coma máxima expresión da creatividade e sabedoría do meu pobo.(Noeli Pocaterra)

Archive for marzo 29th, 2008

millobre pinto e a substitución lingüística

Posted: sábado, marzo 29th, 2008 @ 10:29 pm in LINGUA | No Comments »

Ouvindo falar n´unha das nosas cidades, a un fato de rapaces vilegos, agardei inutilmente que algún d´eles dixera algo en que poiderase ver unha arela, un ideal, algo que fora diferente d´aquela interminabre frivolidade da sua conversa. Mais o que produxome verdadeira pena, foi o ver que cando eu quixen tratar uns temas galegos, todos eles ficaron silandeiros, c´un silenzo no que vin que aquelo a eles non lles interesaba... Eu entón tamén calei e n´un momento comprendín a verdadeira tristeza do desterrado, que non é o saír da terra, senón o non poder sentirse paisano de xentes que nasceran no mesmo chan.

Millobre Pinto escribía así, A Nosa Terra, nº 253, 1 de Outubro de 1928, tal cal.

Pero parece de hoxe ou de pasadomañá.

Dúas cousas a comentar do texto de Millobre Pinto, irmáns.

Primeira: vós non caledes, os que se teñen que sentir fóra de lugar son eles, eles son os extraterrestres.

Dúas: o seu silenzo non só obedece a intereses temático-xeracionais, como pode semellar. Sobre todo obedece á incapacidade de poñerse no lugar do galegofalente, de adoptar ou achegarse ao seu modo de ver e entender o mundo. Velaí o meirande crime da substitución lingüística. Sempre pasa. Ninguén se libra. Non hai máis que ver o que lles pasou aos países descolonizados que perderon a que era a súa lingua propia. Séculos se, tarda en espertar fóra da lingua propia. Séculos perdidos que son cartos perdidos, e benestar, e felicidade, harmonía...

Chuzame! chúzame -

rinocerontes e quimeras, rematei a lectura

Posted: sábado, marzo 29th, 2008 @ 2:16 pm in CRÓNICA DA CRÍTICA | No Comments »

o xoves, onte non dei escrito dela, preñado como estivo o día doutroas "historias".

reafírmome en que é un libro na procura de futuro, mesmo é un bonito título. de feito o libro consiste na exposición das historias previas, dos protagonistas, para que o lector, fundamentalmente, vaia estimando cal e como é a maneira de enforntar o futuro dos dous bandos ( os aventureiros / os que queren quedar) e máis deBalote.

á vez revisítase a historia dos primeiros autómatas do XIX, sobre todo con acenos, así Maillardet, Stevenard. e tamén a caída en desgraza dos monstros fe feira fronte ás máquinas, tradición fronte a progreso.

tamén hai moito aceno á sétima arte. A Illa do Doutor Moureu, ou Doctor Mabuse (Frankenheimer, Fritz Lang, sobre textos de H.G. Wells e Norbert Jacques). non me parei moito neles, porque o máis importante é a concepción plástica audiovisual do discurso, de aí tanta atención á secuencia e tamén o acudir á fórmula tetral, os monólogos son constantes. dúas cámaras, unha para relatar en analepse a historia previa dos nenosmonstro, de Mister B, de Balote. outra para relatar o que acontece no vagón dos recluídos abandonados.

sóubome a pouco, xa o dixen, con estas perspectivas ( e tendo en conta a curtedade dos capítulos) non aproveita, para o meu parecer, o potencial das atmosferas creadas, cando estamos dentro delas xa temos que abandonalas. nin iso nin a forza tráxica das personaxes (nenos, pero non só), o mellor parado é Míster B, que se vai tecendo a súa historia segundo evoluciona o discurso.

compráceme que é un discurso de ideas, cousa quen non prolifera hoxe en día.

compráceme que, visto o dito antes, sexa discurso concebido para rapaces e rapazas. que tamén eles saben pensar, raio, non son autómatas xuntadores de letras. agora é preciso que os docentes saiban empregar ben esta lectura, que demanda a súa intervención, intermediación para que non se perda o fundamental da lectura. se cadra só con lecturas como Rinocerontes e quimeras lograremos que non se abandone aos docentes á súa sorte, que só se lles pida unha lectura plana, individua, o conformismo de saber que o alumno leu o libro e nada máis. este tipo de abandono, coma o dos nenosmonstro, levounos a unha situación semellante á deles, enfrontados ao futuro e sen saber ben que facer tamén é lóxico (pensan os adultos) que abandonen a lectura cando medran.

así pensan os que cren que lector, nos tempos de hoxe, equivale a consumidor. libros como este evítano, coa intermediación do docente convírtense en discursos abertos á polémica, á reflexión. resulta evidente que ninguén nace aprendido, se despois lles pedimos que sexan críticos debemos ensinalos antes a selo.

agora vivo nun conflito. teño lidas as Minimaladas, que merecen crítica, pídena a berros. e tamén Rinocerontes e quimeras. e estou lendo o Dicionario do estremecemento, que tamén estará listo, para cando empece a facer a crítica.

e tamén vivo no conflito de soñar que Marcos S. Calveiro escribiu, con este tema, un libro con mais detemento, que aínda me encha máis.

Chuzame! chúzame -