ferradura en tránsito

Xuro que enaltecerei o meu idioma coma máxima expresión da creatividade e sabedoría do meu pobo.(Noeli Pocaterra)

Archive for abril 1st, 2008

os cope contra o galego

Posted: martes, abril 1st, 2008 @ 9:01 pm in LINGUA | No Comments »

A canalla dos curas, dicía a miña avoa ( a pesar de ir á misa), é moi negra, e ten moi malas ideas.

Di o cura da parroquia dos meus pais: "estamos en extinción".

Pois mira ti...   (acabo de sabelo)

Chuzame! chúzame -

obxectos antigos de orixe ignorada, primeira xornada de lectura

Posted: martes, abril 1st, 2008 @ 8:34 pm in CRÓNICA DA CRÍTICA | No Comments »

 a estrutura do discurso non é nada convencional, presenta unha distribución cónica. aparentemente, engado, sospeito que se vai xogar moito co aparente. no vértice desde o que se ergue a espiral informativa do discurso, unha viaxe en tren, catro viaxeiros, un atoparao morto o revisor. é o tema sobre o que van operarse as variacións que ascenden en espiral.

son tres variacións, numeradas do 1 ao 3. alternan. cada variación evoluciona en cinco momentos identificados con letras, do A ao E. cun pouco máis de clareza: cada vario

tiven que dicir todo isto para poder situar onde me atopo lendo. podería dicir que na páxina 59, pero non sería unha información tan completa. 

2C, estou aí, terceiro momento evolutivo da segunda variación.

pode parecer que son tres historias alternas, sería errado. en realidade, polo que vou lendo, xógase ao contrario desde o comezo, pártese con esa premisa mentres se nos van dando datos de como son diferentes. todo un reto, un auténtico exercicio de equilibrio entre forzas opostas, entre a particularidade e a xeneralidade.

(curioso, un tensión parecida víase en A lúa dos Everglades, ou Rinocerontes e quimeras , con máis forza no primeiro, dada a súa orixe. son historias que loitan polo futuro, que non teñen, mentres dan conta do pasado)

a partir do segundo movemento da primeira variación nótase a aparición dun supranarrador. 

no terceiro movemento, que teño diante: unha carta dirixida ao propio Antón Risco.

o xogo continúa.   

Chuzame! chúzame -

si

Posted: martes, abril 1st, 2008 @ 3:23 pm in ACTUALIDADE LITERARIA | No Comments »

os que ladraban polo de Cuba, agora xa terán diarrea. (menos mal que saben usar o papel para limpar o cu, pero a diarrea mental xa é outra cousa)

neste caso hai que darlle parabéns á Consellería, e a todos os que, durante todos estes anos deica hoxe mativeron a chama acesa coa nosa presencia en Boloña.

Chuzame! chúzame -

que te fure a fervura

Posted: martes, abril 1st, 2008 @ 2:25 pm in ACTUALIDADE LITERARIA | 2 Comments »

gústame a idea, outra boa idea na que participa Vieiros.

escoitei onte a Xosé Antonio Perozo, no Tren do Serán, membro do xurado, falar do certame. con paixón. é o que ten a Literatura Mínima, se che chega, se che entra, se lle dás entrado, adicciónaste sen remedio.

gustoume tamén que non leran o texto vencedor. grande acerto. esta é literatura para ler, na canle oral perde moitísimo, evidentemente non permite que os ollos che xoguen co texto e esperten a evocación, a epifanía. a canle oral conleva a inmediatez decodificadora, cousa que non atura a Literatura Mínima.

gustoume tamén que escolleran como gañador un texto que conta unha historia. perfecto.

se non contara unha historia non sería un microconto. porque non é un microrrelato. é un microconto. cansiño estou de pregoar as distancias. repetimos.

vexamos, pódense dar dúas alternativas :

a) que conten, ante todo, unha historia.

b) que reflexionen, como moito, sobre derterminada historia.

por lóxica aos primeiros débeselles aplicar a denominación de MICROCONTO, porque contan. e fica para os segundos o termo MICRORRELATO.

distínguenos outras características tamén. no Nin che conto ocúpome do asunto con máis detemento. e parece que este ano vai saír.

certamente, no ferve a rede  hai cousas ben boas, paga a pena miralo.

certamente, neste tipo de literatura ou fas algo moi bon ou fracasas fracasadamente, quérese dicir que tamén hai chistes e ocorrencias.

sorprendíase Perozo de que houbera tanta participación, eu non. desde que, hai dez anos, convocaramos o Certame de Contos Ultralixeiros, máis de 200 textos chegaron, en quince días,  ao Café das Artes, na rúa Xosé Antón Curmán de Riveira (xa poden imaxinar de onde e como xorde o nome).

por certo: débeselles chamar ultracurtos, ou hiperbreves, ou brevísimos... adoitan ter como máximo arredor das 400-500 palabras, máis ou menos páxina e media, se exceden perde forza a evocación, non sorprenden tanto... habemos recuncar outro día nisto.

Chuzame! chúzame -

ser galego e parecelo

Posted: martes, abril 1st, 2008 @ 10:16 am in LINGUA | No Comments »

adoito ver Os Atlánticos, a colaboración da Charleston Big Band faise notar.

(ah, moitos luares e supermartes chupei, con tal de afacer o meu fillo a preferir a Televisión Galega antes que calquera outra, para que saiba valorar o feito de "ser en galego"" como unha plusvalía decisoria á hora de escoller...)

(...e pagou a pena)

véñenme saudades de verbenas dos primeiros 80, e lembro que eran dos poucos que se dirixían en galego ao público, os da Charleston. 

práceme que fagan temas en galego, aínda que os ritmos que lle dan non me vaian moito. participaron no apaloghit, oxalá lles fora mellor, o tema faríase moi popular.

Consulto a súa páxina web. Despois entro nun directorio de orquestras galegas. Poucas páxinas hai en galego ou que, polo menos dean opción  a versión en galego, fano a Sintonía, Tony Pérez y los Arquinos (por certo, e o de Arquinos de onde virá?, de Arcos?) e o grupo América. A páxina da Nova Palma merece ser moi salientada, sobre todas as demais.

para que conste e obre efectos oportunos, que debe... se somos galegos temos que parecelo.

Chuzame! chúzame -