O frío azul
Teño pensado comezar hoxe a lectura desta novela breve de Ramón Caride Ogando.
Comenteillo a Sulema, así como tamén que xa o fora petiscando, mais que na recente remodelación da miña biblioteca, tiña a impresión de telo traspapelado.
-Os libros nunca se perden.
Exemplifiqueille as miñas dúbidas. Sempre ando cun libro na man. Mesmo en viaxes de pracer ou calquera compromiso, o libro que estou lendo vai comigo. E non son poucas as veces que me esquecen, nesta cafetaría, naquel comercio, no parque... Nese casos decido non recuperalo, marcho correndo á libraría mercar outro exemplar que me permita continuar a lectura.
-Os libros nunca se perden, faime caso
Por non falar daqueles que presto e nunca me devolven. Ou aqueles que extraviei en calquera recuncho do tempo e xamais dei recuperado...
En fin, calei, esta noite poñereime co Lueiro Rei de 2007, esta novela breve de Ramón Caride.
Presenta este índice:
I. O viaxeiro
II. Oseira
III. O abade
IV. Toledo
V. Valverde
VI. Xálima
VII. O auto
VIII. Torre de Orcellón
IX. Ildara
X. O cazador
XI. Fin da conversa
XII. Os estadullos
Notas do autor
(Presinto:
- que esixirá un lector activo
- habilidade no tratamento da secuencia; a secuencia, recurso fundamental na narrativa de hoxe
- a memoria vai xogar un papel moi importante)
(rectificarei ou ratificareime?)
(Sulema ten razón. Os libros nunca se perden. Pero ás veces non lle gusta que lla dean. Compréndoa. Así, asegúrase de que non deixarás de pensar nese tema; que non te refiras a el para negalo,velaí a confirmación)
-Empeza a refrescar...
-Como? Como podes dicir que refresca cando sabes que vas empezar un libro? Non sentes a lentura emocionante da nova aventura, íntima, como unha caricia na meixela e nos ollos e na carne?
(Calei)
chúzame -