ferradura en tránsito

Xuro que enaltecerei o meu idioma coma máxima expresión da creatividade e sabedoría do meu pobo.(Noeli Pocaterra)

Archive for abril 29th, 2008

O frío azul, primeira xornada de lectura

Posted: martes, abril 29th, 2008 @ 7:53 pm in CRÓNICA DA CRÍTICA | No Comments »

Foi breve esta xornada, que aínda non rematou, mais por agora só podo falar dos dous primeiros capítulos. Continuarei lendo esta noite. Con todo hai algunhas cousas que xa podo comentar.

Por exemplo, que as personaxes son rexas, teñen personalidades fortes. Os diálogos en que se manifestan son intensos. O lector sempre agradece isto, méteno moi ben na historia.

Por algún lado lin que Ramón Caride dixo que non quixo facer unha novela histórica. Ben, transcorre, polo que lin, no século XVI. É breve, 166 páxinas. Mais polo que atinxe ao rigor estilístico, ao coidado léxico e morfosintáctico...teño claro que Ramón Caride é un home modesto, é dicir, que non é dos que van pola vida coa bugina do autobombo a todo volume...

Subliñados:

Din, algúns, que Oseira vén de óso; e, coma un óso da terra, macizo e teso, pelado e irto, penedo espido, érguese ante o viaxeiro o mosteiro vello. (13)

.........................................

O viaxeiro vén de moi lonxe. Non o acarrexa ao solar dos frades a devoción nin a piedade, antes tróuxoo o espanto (13)

...................................

El é home de espazos abertos, de aire, lume e sangue visto, ferros e cans ao sol das devesas, paisaxe perdida; e non loitador desta paisaxe estraña: a pedra labrada, o mofo, este balor de humidade e séculos que se mete nos ósos e nos miolos (22)

...................................................

Todo revive, reverdece, coma un perpetuo pesadelo, Sísifo condenado a arrastar a pedra colosal do crime, repetido na imaxinación canto na memoria (23)

...............................................

... avisan a Egas de que está no cubil dunha rapina, na gorida dunha besta rexa e afouta. Alguén que podería ser un santo de pedra ou un demo (27)

................................................

Havos doer. Escollestes saber, e saberedes (28)

...............................................

Contarei tan cruamente como pedides, tan despiadadamente como merecedes (29)

Chuzame! chúzame -

impotencia e roubo

Posted: martes, abril 29th, 2008 @ 10:51 am in LINGUA | No Comments »

Nin sequera sendo símbolo de opresión, como é e sufro, son capaz de odiar o castelán. Non podo, non con ningunha lingua. Por respecto, por respecto e cariño. Por respecto a todos aqueles que foron quen de crear un instrumento de comunicación tan complexo, tan precioso. Porque cando leo/escoito en calquera outra lingua diferente do galego, síntome cerca de calquera dos heroes anónimos que contribuíron a crear, medrar e manter esa xoia que catro politicastros queren facer xoguete. Esa comuñón intercultural é a expresión máis sublime a que pode aspirar o ser humano. Nada reconforta como ela. Nada te fai sentir, como ela, parte do universo. Na súa dimensión falada, inmaterial e única, ou na escrita, material e eterna.

Por iso non dou entendido a quen odia o galego (a quen odia calquera lingua). Por iso non dou entendido a quen evita que os seus fillos aprendan unha lingua que teñen aí, no ar, de primeira man, e que por iba os axudará a entenderse a si mesmos (sincrónica e diacronicamente) mellor que ningunha outra cousa. Non. Non dou entendido un odio tan idiota, unha pobreza tan maiúscula e vergoñenta. É un roubo.

Recollo isto, que xa subín días atrás. Non é anónimo pero teño que tratalo como se fora.

En realidade sempre lin e falei castelán, xa que cústame moitísimo máis entender e falalo galego con corrección, ademáis da inmensa cantidade de vocabulario que ten. Eu case nunca escoitara galego ata o instituto, só o galego primitivo e castrapeiro da miña avoa e de vez en cando ao meu pai que sempre o fala cos seus amigos e nunca conmigo por moito que eu llo pidera. Sen embargo a poesía en galego foi algo que me cautivou desde moi meniña cando me ragalaron poesía galega aos sete anos, un libro no que habían recopilado composicións sencillas e intelixibles para unha pequena. Desde este momento comecei, coa miña pobreza expresiva en galego, a escribir poesía, cómics , historias, un xornal que facía eu soa para os meus parentes con contidos humorísticos, pero sobre todo escribía poesía. Unha poesía que fun enriquecendo na eso cos contidos poéticos nas unidades de literatura, que eu ía succionando e gardando para min mesma ata o día de hoxe.

(ROUBOOOOOOOOOOOOOOOOOOO)

Chuzame! chúzame -