Dun tirón, As mellores intencións
Non durmín a xeito.
Pola mañá, na biblioteca, mentres os ollos me repousaban nos Cantos e fragmentos de Safo que Raúl Gómez Pato traduciu para Positivas, agarrei outro na man.
Son consciente de que, logo de consultar o correo, abrín As mellores intencións coa determinación de repousar de tanta novela breve que nas últimas semanas lin. Pero petiscar nos libros éme como unha droga.
Así que, de súpeto, atopeime lendo o capítulo 3, consciente de que a novela de Begoña Paz é desas que non deben pasar desapercibidas. Que o formato breve encerra unha historia complexa, fonda, inversamente proporcional ao seu tamaño.
Hoxe é día do patrón do meu lar pequeno. Non teño o corpo para festas, mais ben...
Despois do xantar marchei tomar o freso. Parei na Alameda. Cheguei deica un pouco máis da metade. Xa non tiña unha impresión, era certidume, certidume tamén de que a novela me atrapara desde as primeiras páxinas e non ía poder deixar de lela.
Un chisco máis tarde, retomei a lectura á sombra do soportal do muíño "das marés" do Asma. Proseguín uns centos de metros máis adiante, nun banco da parte do paseo fluvial desde onde se ve o río, porque hai outra parte do paseo fluvial desde a que non se ve.
E remateina na terraza do Xardín, mentres asentaba o estómago cun descafeinado con xeo que non me foi servido pola moza morena de palabras de veludo azul senón por outra loira que as pintaba en acrílico fosforescente de falsete presumido.
O que se di dun tirón.
E agora estou aquí, escribindo isto, coa sensación de que gañei unha batalla á vida. Esa sensación pracenteira, de enchente satisfactoria e refrescadora. Ás veces, a vida sorpréndete así, cun sorriso que tes que adiviñar.
Vou aproveitar, vou reler.
chúzame - 3 Comments »
RSS feed for comments on this post. TrackBack URI
Leave a comment
Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>
2008-06-24 @ 9.14 pm
[...] mellores intencións” dun tirón O crítico Xosé Manuel Eyré confesa no seu blog que leu dun tirón As mellores intencións, a novela de Begoña Paz gañadora do premio Centenario [...]
2008-06-25 @ 9.54 am
Eu xa lin a novela. As mellores intencións atrapa dende a primeira páxina. É unha historia áxil, precisa, que reflicte, fiel, coma nun espello, a complexidade dunhas personaxes que rematan nun perfecto desenlace. Real, cruel, tenra, humana.
2008-06-25 @ 10.51 pm
Si, si. Intelixente e ben escrita, ademais.
Obrigado polo comentario, Amara.