Onte íntimo e non
Chovía ou non chovía, coma sempre en Compostela. Pero eu empapeime. A iso ía. Sempre me gustou saír co principio da manifestación, camiñar por unha beira e irme quedando, irme perdendo na marea. É así desde cando vivía nunha casa da Algalia de Arriba. Un vicio, recoñézoo. A miña maneira de empaparme no espírito humano, solidario, consciente e galego que evita que sinta a miña vida perdida, sen obxecto, como unha sucesión de días e feitos sen máis. Pode chover ou non, tanto ten. Por iso eu nunca lembro un 25 de xullo que chovera. Eu só lembro a calor e emoción, a camaradería. Impórtanme pouco os discursos. Inclusive os teño evitado. Non podo prescindir da xente.
Onte seica chovía. Xa empezou mentres xantaba e amoloume o seu. Non deixo de visitar ningunha caseta, particularmente se venden libros ou música. Desta vez volvín con A casa das belas adormentadas (Yasunari Kawabata, traducido por Mona Imai), O condutor de autobús que quería ser Deus (Etgar Keret, traducido por Moncho Iglesias), Seda (Alessandro Baricco, traducido por María Cristina González Piñeiro) e o Novelino, edición e tradución de Moisés Barcia, que era o imprescindíbel, o que, baixo ningún concepto me perdoaría esquecer.
Tamén, O paraíso distante (Loretta Martin); Tres (The Homens); 120 capadores (a homenaxe aos Diplomáticos de Montealto; Sigue...e dalle (Zënzar, xa veu soando na volta, a petición de Darío). Agasalláronme a Carta Branca (Xochimilca). Un dos libros tamén foi agasallado (Seda); o de Kawabata é para un agasallo (primeiro lereino eu, claro, despois agasallareino case con toda seguranza).
Coñecín a Xesús González Gómez e tamén a Moisés Barcia, amadores de libros,iso sempre reconforta.
Agasallos, a verdade, levo bastantes tamén para os meus alumnos. Varias Alba de Gloria, que repartían anxos vestidos de mozas no Festigal, outra publicación da Xunta sobre o Himno galego, algúns panos vermellos coa bandeira de Galiza...Poderán parecer tonterías, pero lévollelo a aqueles que non puideron estar na Festa Grande da Galiza, a aqueles que non puideron empaparse coma min. Axudaranlles a soñar. A soñarse a si mesmo e a Galiza, a soñar con estar algún día na Festa Grande da Galiza, que hoxe teiman en chamar Día de Galicia e sempre foi o Día da Patria Galega. Agradéceno, seino.
(ESTA SEMANA FOI MOI DESCONTROLADA, MAÑÁ SUBIREI OS SUBLIÑADOS et alii DE TRES DISPAROS E DOUS FRIAMES , A ESTA ferradura NON SUBIU COA MESMA FRECUENCIA DOUTROS LIBROS, E SÍNTOO. NESE DESCONTROL, AÍNDA EMPEZO HOXE A FACER A CRÍTICA, LEVO UN ATRASO DE CATRO DÍAS.)
chúzame - No Comments »
No comments yet.
RSS feed for comments on this post. TrackBack URI
Leave a comment
Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>