ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

Estévez e o González Garcés, algunhas reflexións

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA — 23 Setembro 2008 @ 8:24 p.m.

A noticia da retirada a Eduardo Estévez do González Garcés preocúpame.  E moito. Non exactamente pola equiparación entre libro e bitácora. Unha convención máis. Que, seguramente, non durará, porque, entre outras cousas, iso vai estar en función do que interpreten outras comunidades, outros sistemas, outras literaturas. Está claro que, se esa equiparación só se sostén aquí, dá co cu no ferrado.

E é que sobre esta equiparación, ou diferenciación, hai moito aínda que reflexionar. Reflexións que abalan, que dinamitan a estrutura do que comunmente chamamos literatura. Concepto que agrada unha nova definición. Xa. E a revisión dese concepto afectará tanto as denominados, convencionalmente, xéneros literarios como aos non literarios.

Simplemente porque as novas plataformas fan posíbel un novo tipo de libro, libro dinámico? Xa é abondo. Pero tamén porque as novas plataformas esixen unha NOVA FORMA DE LER. Téñoo comentado nesta bitácora, por suposto tamén é unha das cuestións sobre as que reflexiono na primeira parte do Nin che conto (de próxima a parición). Para nós, os galegos, resulta fundamental adiantarnos na difusión, estudo e uso consciente da nova forma de lectura.

Comprendo a Eduardo Estévez. Lamento a decisión do xurado, que me gustaría for máis valente.

Comprendo a Eduardo Estévez. Os informes técnicos de Miro Villar, Fran Alonso e Miguel Anxo Fernán Vello son moi clarificadores.

Aínda habería que ter en conta outro factor: a posibilidade de acceso universal, que calquera lector que quixera lelo puidera. Factor ligado estretisimamente á distribución, inclusive ao que recentemente me referín  como as dáus culturas galegas, de Lalín ao Padornelo e de Lalín a Vilagarcía. E é que estamos cansos de saber de libros que foron editados mais non distribuídos, e fican, secuestrados ao lector, neste almacén ou naquel andel.

É dicir, un libro, co seu número de rexistro, isbn e todo o que queiran, nesas circunstancias mentadas, só pode considerarse tecnicamente editado, tecnicamente, non efectivamente porque o lector non puido ter acceso á súa mensaxe.

Pois co de Eduardo Estévez pasa máis ou menos igual. Non todos os potenciais lectores puideron ter acceso ao contido do libro. Nin sequera pode considerarse que sexa o mesmo texto ( e velaí, deduzo, que por iso Eduardo Estévez  o  presentou a concurso). Vén a miña memoria Novoneira. Estévez fixo, cos medios de hoxe, o que facía Novoneira no seu tempo. E Novoneira ( Novoneira, Pondal, tantos…) era ben consciente de que NUNCA era o mesmo texto. Aínda que estivera constituído polas mesmas palabras, o contexto significativo, o semántico, era outro alí onde reescribira dito texto.

Quen asegura, alén diso, que non existe máis que un Eduardo Estévez, poeta?

Era Pessoa un poeta ou foi varios?

Tampouco quero perderme nestas reflexións de urxencia, por forza moi parciais, moi categoriais.

Si que teremos moito que reflexionar. Sobre as plataformas librescas. Sobre o novo tipo de lectura. Sobre o concepto de autoría. Inclusive sobre o concepto, cada día máis obsoleto, de plaxio. Pero hai que facelo mirando cara adiante. Resolucións como esta, que discuten as novas plataformas e se aferran “aos conceptos tradicionais”, desde logo representan ningún chanzo evolutivo senón máis ben todo o contrario.

Escribo isto e póñome na pel dos membros do xurado. Para eles, todos de recoñecido prestixio e competencia, non era nin o momento nin  o lugar no que poñerse a dilucidar sobre o novo canon e cousas polo estilo. Comprensíbel.

E está claro que  o mellor poemario era o de Eduardo Estévez, se cadra, non o poño en dúbida, non o lin, o de Xabier Lama tamén é un bon poemario, mais na confrontación de textos gañou o de Estévez. Por algo sería.

((As impugancións sempre me pareceron feas. Cuestionan a boa vontade ( e saber) do xurado. Na miña opinión, en casos de que probadamente non se cumpran as bases, son partidario de deixar deserto o premio. Cantos inéditos teño lido, e sobre eles debatido, que non cumprían as bases!!! Por exemplo no tipo de letra, ou detalles dese estilo…E para o  autor seguro que sería unha decepción, senón un fraude, que o xurado non os lera, a pesar de saber que non cumprían as bases…))

7 Comments

  1. Cau:

    Concordo con Eduardo Estevez en que publicar na rede os borradores duns poemas non fai que perdan a súa condición de inéditos. Onde si atopo un problema é na condición de anónimos dos textos. Na páxina onde Eduardo mostraba o proceso de escrita do libro http://enconstrucion.blogspot.com/ aparece o seu nome. Quer dicir, existía a posibilidade –por remota que fose- de que algún membro do xuri tivese lido o blog e soubese de quen eran os poemas. Eu , que non coñezo de nada a Estévez, cando lin na prensa o título premiado, pensei : “Pero eses poemas non os tiña publicados no blog”. Inéditos? Si. Anónimos? Diría que non.
    A pesar diso, paréceme que Eduardo Estevez foi neste tema ben sincero dende o principio. Nin lle cambiou o nome ao poemario nin agochou, en ningún momento, a orixe blogueira deste. Se fose da deputación, no canto de quitarlle o premio –algo sen sentido, e menos para darllo ao finalista- miraría de redactar ben as bases dos concursos. Se para eles un texto publicado na rede non é inédito, que o poñan, como fan outros concursos.
    Por non falar de que hai outros casos moito máis dubidosos por aí adiante e ninguén, que eu saiba, lles quitou o premio:
    http://www.papelenblanco.com/2007/10/31-escandalo-en-el-premio-viaje-al-parnaso#more
    http://boards4.melodysoft.com/app?ID=Albaceteliterario&msg=2584

  2. xmeyre:

    Dás no cravo Cau, cando falas da revisión da redacción das bases dos concursos. As bases son algo que fixeron unha vez, que repiten por inercia e son bastante moi renartes á hora de cambialos. Temo, con todo, que esa inercia aludida leve a revisar o mínimo. Temo tamén que isto fiquen no anecdótico e se perda unha boa oportunidade.

  3. elisabet:

    ninguén sabia, nin mesmo o xurado, que o poemario era de estevez. de aí a sorpresa de forcadela… o título nom era o mesmo(non é igual dicir A Coruña que La Coruña)e o pseudónimo era ramom caaveiro. bastante enrevesada a suposición de autor, non? claro que unha vez publicado en prensa e porque o autor o repetiu a saciedade todos podemos ver as relacións pero non falamos a posteriori, falamos de cando o xurado toma a decisión. puido alguén asociar o poemario coa bitácora? pode ser… pero penso que sería máis fácil intui-lo polo estilo característico do autor antes que por toda a conxunción cosmogónica da que se fala depois de que o autor a contara.

  4. elisabet:

    ninguén sabia, nin mesmo o xurado, que o poemario era de estevez. de aí a sorpresa de forcadela… o título nom era o mesmo(non é igual dicir A Coruña que La Coruña)e o pseudónimo era ramom caaveiro. bastante enrevesada a suposición de autor, non? claro que unha vez publicado en prensa e porque o autor o repetiu ata a saciedade todos podemos ver as relacións pero non falamos a posteriori, falamos de cando o xurado toma a decisión. puido alguén asociar o poemario coa bitácora? pode ser… pero penso que sería máis fácil intui-lo polo estilo característico do autor antes que por toda a conxunción cosmogónica da que se fala depois de que o autor a contara.

  5. xmeyre:

    Ningún xurado pode “controlar” todo o feito na internet. Nin sequera ningún xurado pode estar seguro ao cento por cento de que o que está lendo non estea traducido doutras linguas. O xurado fixo o que tiña que facer: escoller o mellor poemario.
    Penso que neste asunto podemos falar de sinceridades ( en plural) e de oportunismo legal, en singular.
    Grazas polo comentario, Elisabet

  6. manel vazquez:

    ogallá moitos renuncien ós xurados e non se agachen e miren ós ollos da xente.
    ogallá todos renuncien a someter a súa creación á vontade de alguén en algures que marca lei, tendencia ou moral.

  7. xmeyre:

    O xurado fai o que boamente pode, desde logo sen vontade de marcar nada. Pola experiencia que eu teño como xurado, é así. Tes que ter moito amor polos libros, que por outra cousa…
    E sen sen os premios, Manel, cando se acordarían de que existimos?, cando morremos?

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.