ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

NNB

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA — 25 Novembro 2008 @ 11:29 a.m.

Repasando as críticas que fixen entre hoxe e 2006, lembrei aquela proposta de Jaureguizar de falar dunha nova xeración de narradores galegos. A Xeración dos Peixes, lle chamou. Jaureguizar xa fora nome de peso daquela lembrada Narrativa Bravú, o seu Fridom spik segue sendo xoia, dese libros que os que se retoma a lectura e che pintan un sorriso nos beizos, o bon viño gaña co tempo. Unha crítica miña andou polo medio tamén, no nacemento da Narrativa Bravú. Fora un fenómeno ilusionante o da Narrativa Bravú, tan ilusionante como estratexia editorial na que non se cre suficientemente e da que se tirou pouco partido. Implicaba, ou quería facelo, unha maneira de ver o  mundo, desde aquí e sen complexos. Eu quixen darlle cobertura formal crítica.

É suficiente iso?

Se cadra puido selo.

Non estaría nada mal a aparición dunha nova xeración, algunha escola etecé. Suporía unha xanela aberta a novas atmosferas. Animaría o ambiente.

Porén, cada vez que volvo os ollos atrás, o contínuum da narrativa galega aparéceseme máis como iso, un fluír único no cal establecer agrupamentos resulta traballo estéril. En realidade, as etiquetaxes son unha tentación oportuna para a crítica histórica, permiten compartimentar o obxecto de estudo e (a)/(en)tendelo mellor pero sempre resultan artificiosas. E tamén útiles para o creador, habendo a quen lle interese moito figurar na nómina  e a quen non lle interesa. Mais todo isto é posíbel dese que a etiqueta existe.

Pois si, estaría ben unha nova xeración na narrativa galega, quizá non apurando tanto as cousas como fai Jaureguizar, xa son demasiadas xeracións e o malo non é que sexan máis ou menos sostíbeis, xustificábeis, o malo é que o público ao non distinguilas con clareza non pode fidelizalas, nin se lles dá tirado partido en tan pouco tempo.

O lóxico, opino, é que fora un grupo interxeracional, precisamente por iso.

A imaxe de grupo sería tamén positiva, deixaría de ser a imaxe dun feixe de individualidades ás veces berradas (e nalgúns casos fáciles de comprar pola cultura opresora), habería máis sensación de unidade, e iso tamén sería positivo para a proxección exterior.

unha NNB, Narrativa Neobravú?

2 Comments

  1. Mario:

    O problema da etiqueta, alén da etiqueta en si, foi que, ao contrario dos bravús que se autoconstruíron, ningún dos aludidos nos sentimos minimamente identificados, e mesmo a algúns lles resultou ofensiva.

    De todos xeitos eu seguirei insistindo en mudar a dinámica das nomenclaturas e das actitudes respecto deste tema. A clasificación é unha eiva, ademais dunha necesidade autoconservadora das literaturas marxinadas que por sorte xa podemos dar por supérflua. A grande masa de escritores que están en activo non son reducíbeis a un nome, nen sequera a un par deles. Como dixen en Mariñán: as xeracións son para cando esteamos mortas (e que sexa dentro de moitos anos), penso que tamén alí se chegou a unha certa unanimidade sobre a invalidez xeral do termo.

    Póde buscar o artigo “Por unha literatura maronda” en Maré (Galicia Hoxe), que tamén fala do tema e que vai saír nas actas do Encontro. Aínda que pode que teña razón, no fondo, seguimos defendendo unha literatura sen castrar.

  2. xmeyre:

    Máis que nada, escribín isto porque igual podería funcionar como estratexia comercial.
    E tamén porque igual era unha maneira tamén de asociar nomes para que o “grande público” os obrara no seu coñecemento. Na literatura galega hai moitos e moi bos creadores e aínda máis esquecidos ou ignorados polo público. Cousa que me enche de tristura, e de carraxe. Alén de que incide nun coñecemento deforme da literatura galega a partir do que o sistema educativo ofrece…ou polo menos a min parécemo…
    Obrigado polo comentario, Mario

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.