ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

Chámate con xeito e o compromiso social

Filed under: LINGUA — 26 Novembro 2008 @ 7:27 p.m.

Non puideron parala,  Chámate con xeito da Área de Normalización Lingüística da UVigo segue avante malia a cambadela (unánime!) do sindicalismo.

Porque non sería explicábel que unha campaña da cal a páxina web recibiu máis de 70.000 visitas nun mes ( comparen coa E Logo! da Xunta : 20.000 nun ano). Non sería explicábel tampouco logo da cantidade de adhesións, de parabéns, que recibiu e recibe desde todas as instancias da cultura galega.

(por certo, decátomo de que antes do verán ofrecía datos das visitas á Ferradura, os números non son o meu, mais aí  van: 2.171, en xullo; 2.272 en agosto; 3.733 en setembro; 3.701 en outubro; en total van 26. 496, desde mediados de febreiro, cando botei a andar o counterize)

Chámate con xeito está lonxe do seu teito, inclusive está lonxe de imaxinalo. Porque o seu éxito? Non resulta difícil adiviñalo. É unha campaña que fica na consideración da lingua como patrimonio individual, como decisión individual. Mentres o E Logo da Xunta segue os parámetros do famoso Fálalle galego dos oitenta: son campañas dirixidas aos individuos, á esfera das decisións individuais sen visibilidade social. Mais Chámate con xeito, representando unha decisión privada e individual, efectiviza un compromiso coa historia e coa sociedade actual, un compromiso visíbel. A ilusión que xera esta campaña nace de aí.

Mentres, a señora da calceta, esa que manda e cobra Secretaría Xeral de Política Lingüística e non pasa do punto de cruz sobre papel mollado…

Debe ser cesada, por incompetente, xa.

Propóñolles un nome para ese cargo: Quique Costas, ninguén mellor ca el, nin mellor preparado nin con semellante experiencia coñezo eu. E elevar o rango, non pode seguir sendo unha secretaría, é de vergonza.

E, polo carreiro do compromiso, miren, era hoxe día de folga. Sei quen a convocaba, coñezo os motivos. Pero non sei as condicións en que se convocaba, a estratexia  a seguir ese día, a “programación”. Unha alumna pediume tempo para explicar, hai unha semana, o que malamente sabía, complementei a súa información. Hoxe, chego e xusto eses alumnos estaban todos na aula (alumnos de ESO). Foi un día raro. Primeiro seica estaban en folga, despois do recreo non. Sempre se lles pediu, aos alumnos en folga, que se anotaran nunha listaxe. Contra a miña opinión; se os alumnos están en folga, pois están, e é a Administración quen debe elaboralas. Hoxe non había listaxe. Pero si, curiosamente, polo menos, unha “saída” do centro.

Boto de menos ambiente de compromiso coa lingua entre os alumnos, mairotariamente galegofalantes. Boto de menos voces que lideren esta mocidade pre-adulta. Boto de menos que sintan a necesidade de defender a lingua, boto de menos que non se sintan ameazados. Boto de menos a provisión de recursos para tal fin. Desde os propiamente curriculares, aos que deberan dimanar do compromiso social da Admnistración. Os profesores de lingua e literatutura, somos iso, nin magos nin comodíns de baralla nunha partida que moitas veces se xoga en contra nosa.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.