ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

Construccións, adianto da crítica

Filed under: CRÓNICA DA CRÍTICA — 26 Novembro 2008 @ 11:19 a.m.

do poemario de Eduardo Estévez, que hoxe mesmo envío a A Nosa Terra:

…digamos que o texto en si de Construccións procura a polémica con decisión, con intensidade. Construccións vive na polémica, non da polémica, e da aguda ( e plausíbel ) estratexia de Positivas dándoo a luz cando aínda permanecen os ecos dos sucesos a redor da concesión e retirada do González Garcés. Ou, o que é o mesmo, aínda que nunca se presentara a premio ningún, aínda que tampouco pasara polos dominios dos tres www, o de Eduardo Estévez sería un poemario que voluntariamente procura a polémica, a polémica mesmo como fonte de alimentación. Vista a ausencia de ornato poético ( tantas veces confundida co “feito poético”), a deliberada narratividade fronte á deliberada ( e só aparente) fuxida dos recursos poéticos típicos, non sería nada fóra do agardábel que algún lector se preguntara se iso é poesía. Dúbida, nós, non temos ningunha. Aínda obviando criterios de autoridade, as probas irrefutábeis de que o nome do autor é o dun poeta e a poesía se caracteriza por adoptar unha forma na que non chega a rematar unha liña. Mencionámolo porque non só está en xogo a identidade e forma discursiva da poesía senón tamén a súa utilidade e natureza.

Dito con outras palabras, o de Eduardo Estévez é un poemario a lembarnos que, afortunadamente, a poesía non é exclusividade dos libros de poesía e das mentes soñantes dos poetas; ela está, habita, mora e maniféstase desde cada recuncho da vida, do noso contexto vital. Identificala, retela e revivila, reescribila, é a misión do poeta. Identificala, retela e vivila conscientemente, debe ser cousa de cada un dos seres humanos que pretendan vivir unha vida plena, e, polo tanto, do lector. Construccións convida a iso, a que procuremos a poesía ( ou o que é o mesmo: a beleza) nos transcursos vitais da vida cotiá, concretados nos transcursos vitais de vidas asulagadas pola soidade, pola incomunicación, pola insatisfacción, polo silencio, polo desencontro, polo esquezo (inclusive diriamos o esquezo inmediato, inclusive diriamos o esquezo inmediato do pracer). Convida e obriga, desde unha estratexia creativa eficaz e moi meditada. Porque aquela pregunta inicial (é isto poesía?) pouco a pouco vaise desfacendo, a medida que a certeza de que nos atopamos diante dun poemario ousado e vangardista, inquedo, minimalista aparentemente e de repercusión universal, se vai adonando de nós.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.