ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

A aventura de explicar literatura

Filed under: CARA ADIANTE,EDUCACIÓN, ENSINO, ESAS COUSAS — 27 Novembro 2008 @ 11:23 a.m.

Cousa curiosa, cando alguén se pon a explicar literatura…non explica literatura, explica historia da literatura. En lugar de reis, heroes etecé, pois escritores. En lugar de batallas, títulos de libros. En lugar de guerras ou contendas, movementos estéticos

O que é literatura…o que é literatura é outra cousa. A arte da escrita nin sequera é cousa que se explique, é cousa que debe practicarse ou entón non ten máis valor que o catecismo da primeira comuñón.

Hilozoísmo, paisaxismo humanista, imaxinismo…imos ao que importa. Que importa? Que @ alumn@ saiba que existiu un señor que se chamaba Amado Carballo, que naceu arredor do 1900 e morreu moi novo e que escribiu poesía (tamén prosa, pero diso aínda se fala menos) que era unha poesía que ás cousas lles atribuía valores humanos… unhas imaxes verbais que quedaban moi lucidas etecé etcé etcé…

É iso? Pura teoría?

Non sería mellor ensinarlles como se constrúe unha imaxe animada, que esa técnica a  utilizaba Amado Carballo, que naceu… etecé etecé ??

-Indubidabelmente, meu amigo, mais iso suporía que  Historia da Literatura se escribira doutra maneira e fora ensinada doutra maneira. Claro que se lle podería ensinar como a natureza foi tratada ao longo dos séculos, polos gregos, polos romanos, nas cantigas medievais, polos ilustrados, polos románticos, polos formalistas, polos realistas, polo lirismo da natureza, polo imaxinismo, polo simbolismo…Poder, podería; mais un profesor o que fai é repetir os esquemas que previamente aprendeu; e o profesor de literatura é un máis; vaia vostede procurar un profesor de literatura que da metáfora saiba algo máis que a teoría, procure un que saiba escribir construír metáforas e, se o atopa, mande recado…

Ah, pero aínda existen as metáforas?, que é iso?, para que serve?, onde está?

-Onde está? Na vida -o camareiro, solícito, acode dous valdeorras potentes par que mollen a palleta golfan  o fel da incomprensión rutineira tediosa e diaria. Como che dicía, na vida. Na propaganda, nos anuncios (alguén se decatou da cantidade de publicidade que tragamos en cada xornada), na música, na radio, na tele, nas consolas, nos videoxogos, nos xogos, nos deportes, nos prospectos, nos diarios, nas revistas, nos libros tamén

Quería eu interrompelo, se me permite, porque é que a min, verá, sóame como a tonada doutra época, maís ben sonlle da opinión de que iso dos recursos poéticos caeu no esquezo porque a propia concepción do “literario” está mudando…non lembra aquelas cazatas de figuras que alá polos 70  e 80 ( e aínda hoxe) pretendían illar o feito literario? E despois, con menos fortuna, a queles esquemas de campos semánticos?…Pois o canto do cisne…

-Aí tocou onde doe. No texto. Os famosos comentraios de texto caeron en desgraza. E eu son dos que pensa que non se pode explicar literatura sen textos, comentándoo con todos os defectos que vostede queira e máis, mais comentándoos, operando sobre eles, é dicir: lendo e reflexionando sobre o lido. Como se vai explicar literatura sen ler? Como vai alguén aprender andar a partir dun manuela de instruccións? Sabe cantas lecturas de Amado Carballo ten o libro desde que utilizo nas aulas?

2 Comments

  1. arume dos piñeiros:

    Dá vostede no miolo da canonización: como se historia a historia da literatura? O historicismo aínda impera nos plans de estudio.

  2. xmeyre:

    Algo máis que o historicismo. A fin de contas, a miña vontade de explicar tamén era historicista. Non creo que sexa o historicismo o problema en si. As cousas sucédense dunha determinada maneira e iso non se pode obviar. Máis ben creo que é un problema de estratexia. De estratexia derivada do feito de non tratarmos a literatura como o que realmente, beleza verbal en evolución, algo vivo e perenne.
    Grazas polo comentario, Arumes

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.