ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

de prexuízos sobre a lectura

Filed under: CARA ADIANTE — 27 Xaneiro 2009 @ 11:57 a.m.

Primeiro prexuízo.  A play, a wi, os videoxogos…todas esas cousas prexudican a lectura, son contrarias ao espírito lector…ou formulacións semellantes, de seguro que as teñen vostedes escoitado en múltiples ocasións. Particularmente, téñollela oído a profes de lingua e literatura. Máis falsa que o bico de Xudas. Pola contra, ben administrado, o seu uso potencia a lectura. Se non tiña abondo proba comigo mesmo, que son un ludópata perdido e sempre me tiraron moito todas esas cousas, se non tiña abondo agora vén Darío, que aí atrás botara uns meses un chisco paradiño coas lecturas, vén Darío e, desde que ten a wi ( e xa poden imaxinar desde cando) está lendo a un ritmo que me deixa pasmado, e pasmo non só polo ritmo senón porque, repito que son 9 aniños, non o asustan nin o número de páxinas, nin o tipo de letra que sexa…

(truco, por cada hora de lectura pode xogar, como mínimo, unha hora de wi, que case sempre é máis, moito máis. as lecturas escólleas el e por lectura non se entende só a lectura recreativa. leva unha semana sen wi, pero on deixou de ler, máis ben ao revés…)

Segundo prexuízo. Estou escribindo un conto. No conto, Mariano, cada quince días merca no quiosco unha novela desas do oeste. Ao pasar por diante da libraría, invariabelmente, fica ollando os libros do escaparate como pensando “cando poderei con algún de vós” e marcha ensoñando no que se agachará debaixo deses títulos tan ocorrentes, A vida nova de Madame Bovary, O profesor de vegliota, Os libros arden mal, O violinista de Malá Strana, A odisea … porque é que Mariano, verán, cada noite, antes de durmir, abre a novela e dá lido dúas ou tres páxinas, despois éntralle o sono, que é de sono fácil, di el, e adormece case sempre ensoñando a partir do que leu…

(ben, os libros non son ningún somnífero, mais si tranquilizante, e, se estamos tranquilos, se non temos inquedanzas perturbadoras é moito máis doado durmir)

(iso por un lado, mai sé que cómpre tamén ir desterrando o vello arquetipo da lectura clásica, da lectura que é un mapa conceptual pechado, case diría matematicamente pechado, e ir recoñecendo un tipo de lectura “novo”, que non é un mapa conceptual pechado senón todo o contrario ou só un mundo de suxestións a partir do cal…)

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.