ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

cal é a finalidade da literatura?, ou adianto da crítica de O globo de Sahakespeare

Filed under: CRÓNICA DA CRÍTICA — 28 Xaneiro 2009 @ 7:52 p.m.

Eis estes dous parágrafos pertencentes á critica da novela de Jaureguízar, que inmediatamente procederei a enviar a A Nosa Terra:

UNHA NOVELA DIVERTIDA E APAIXONANTE

Título: O globo de Shakespeare

Autor: Jaureguizar

Editorial: Xerais

Desde que Xosé Carlos Caneiro publicara Ébora (Xerais, 2000) poucas veces me divertín tanto lendo unha novela. Tentado estou de botar contas, polo menos dalgún título de Bieito Alonso, por iso da xustiza comparativa. Mais non o vou facer posto que a finalidade do aserto non é outra que comezar esta crónica letresca evidenciando a carcaterística máis notábel da última novela de Jaureguizar, e Premio Terras de Melide 2008, intitulada O glogo de Shakespeare. O globo de Shakespeare posibelmente sexa, tamén, a novela máis completa deica o momento manifesta na imaxinativa e indómita escrita do autor nado en Bilbo. A única chata, esa redacción descoidada, descoidada e típica non só en Jaurgeuizar senón en máis, infortunadamente en máis autores. E que deixa como resultado segmentos como a seguir: “Alegara que a bolsa en Galicia que cobraba era breve” (175) ou “Celia Mandiás entrou na sala do pazo levando unha bandexa para a cea de Leandro sen darlle fala para non desconcentralo” ( 179). Que, de cando en vez, aquí ou acolá segundo o azar depare, incomodan o seu, sobre todo ao lector que ame e estime a literatura como a arte da palabra. Algunha vez o temos comentado, para Jaureguizar a novela ven sendo máis “o cinema da mente”. E un, a verdade, cada día que pasa entende menos a ausencia de esmero nese aspecto, tanta preguiza, dado que, a fin de contas, a calquera lector ou escritor un chisco experiente lle mancan os ollos e tolle as aspiracións de medre na consideración como obra literaria

………………….

Tal é a virtude de historias como esta que nos relata Jaureguizar, manexando con habilidade o fíos da trama, dosificando esta deica precipitala nun remate apoteósico, tal como merece e demanda. O esquema é simple, e xa se sabe que o simple adoita ser efectivo. Gáñanos, no inicio, ao regalarnos esa galería de personaxes curiosas, estrañas e fortemente empáticas, inclusive as féminas- hai que estudar o papel da muller na narrativa de Jaureguizar, sobre todo comparando tramas para adultos e tramas para non adultos. Personaxes do mundo de Sahakespeare e personaxes do mundo actual, confundidas. Introduce a trama, complícaa mentres incrementa as doses de paranoia, de delirio, e reserva parte das personaxes para que catalicen e precipiten o grande show final. Así de simple e efectivo, un esquema que ten moito de cinematográfico, concepción do retrato e concepción da escena. Porén, se indicamos onde radicaba a virtude, sáibase tamén que na mesma virtude está o seu teito de cristal, a fronteira. Cal é a utilidade da farsa literaria se a vida xa é en si unha farsa e, como na novela de Jaureguízar, tamén remata en traxedia? Non é pura evasión, pero esta pregunta debe facer reflexionar.


1 comentario

  1. «O Globo de Shakespeare», adianto da crítica de Eyré « Xerais blog:

    […] Globo de Shakespeare», adianto da crítica de Eyré By xerais Eyré adianta hoxe no seu blog dous parágrafos da crítica que preparou para A Nosa Terra sobre O Globo de Shakespeare, a novela […]

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.