ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

que é literatura galega?

Filed under: CARA ADIANTE — 28 Xaneiro 2009 @ 12:05 p.m.

Andei, estes días a explicarlles aos meus alumnos de primeiro de bacharelato, que é a literatura galega. Cales son os criterios posíbeis (temático, procedencia do autor, ideolóxico, filolóxico) e lagunhas das características xerais que van marcar a historia da Literatura Galega no seu conxunto. Evidentemente hai certas cousas que non discuto, tales como a paranoia do criterio temático e do da procedencia do autor. Lembro ter participado na defensa do criterio ideolóxico, fundamentalmente autorizado por Paco Rodríguez. Non estou, porén, completamente convencido, e o filolóxico ás veces resúltame insuficiente, dadas as especiais condicións de desenvolvemento do noso país como zona colonizada.

Mais, hoxe, empezo a non estar convencido de nada. Cóntolles. É que sospeito que a literatura galega non só é a escrita en galego. Non teman, non vou “legalizar” a Valle, Cela etecé,  nin me persegue esa obsesión, moi de Castelao, por certo. Sospeito que a literatura galega non só é a escrita en galego, si. Actualmente, a Historia está a revisar o período medieval. Froito desa revisión sabemos, por exemplo, que os suevos xa estaban constituídos como nación (valla a expresión) mesmo antes da caída dos imperio romano, por algo somos o reino máis vello de Europa. Se é que  a Galiza nace da Gallaecia, porque agardar á conformación do galego como lingua para falar da Galiza?, non teriamos que facelo xa desde a mesma Suevia? E, nese caso, señores, a literatura galega tamén puido ser escrita en latín, nada menos.

Difícil lle ía ser a Castela, reclamar unha situación semellante. Si, eles queren ser os máis antigos en todo, e éntralles úlcera cando non é así, todos coñecemos as trampas e mentiras que non deixan de utilizar para xustificar o inxustificábel, chegando inclusive a confundir castelán -antigo pero castelán- con euskera…E, por moito que mentiran e se esforzaran, Castela non existe antes da reconquista aos árabes. Xa o di un refrán castelán: “Ca ovo en Gallizia leyes antes que en Castiella reyes”

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.