ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

de novelas de escritores

Filed under: CRÓNICA DA CRÍTICA — 31 Xaneiro 2009 @ 1:57 p.m.

Recentemente lemos dúas novelas ficcionadas arredor da vida e obra dun escritor, Shakespeare, a de Jaureguizar e a de Constela Doce. Non  é por seguir coa xeira que a miña elección de lectura para a semana é O violinista de Malá Strana, débese a cuestións relativas á xestión do tempo, ao que agardo poder ler ou temo non dar lido. Porén, a novela de Agrafoxo, miren, toma como centro colateral a outro escritor; Antoine de Saint-Exupéry. Unha estratexia narrativa que xa desenvolveu na anterior entrega, que non é habitual e proporciona doses de orixinalidade para identificar o discurso propio e atraer lectores. Interésame esta estratexia narrativa, sen dúbida, que por un lado alixeira a o peso da responsabilidade fabuladora mais, curiosamente, esa mesma cara que alixeira ese peso potencia a dificultade do creador porque non resulta máis doado facelo así, que o mesmo vimbio que te ceiba te suxeite, que o mesmo ar que te eleva te manteña cos ollos fixos na terra aos teus pés.

É, tamén, ocasión para retomar un fío argumental recorrente nas anotacións desta Ferradura, o nivel da ficción. Os escritores foron creadores de ficción, mais foron e como tales pretéritos están hoxe habitando unha morada moi próxima á ficción no nivel que crearon. A Jaureguizar, Constela ou agora Agrafoxo non lles resultaría tan factíbel crearen as súas tramas de non ser así. O bonito é que as dúas caras se actualizan unha a outra, que a ficción reclame a atención do real e o real ( a vida e obra de creadores de ficcións) chame polo establecmento de ficcións. E cada lectura regálache máis bonituras: a fabulación sobre o acto  crador en Constela, ese clima case surrealista e alucinatório de Jaureguizar, e, seguramente, unha consistente trama detectivesca na de Agrafoxo.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.