ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

Fontao e o A polo ghit

Filed under: POLÍTICA, SOCIEDADE, CULTURA — 26 Maio 2009 @ 10:10 a.m.

Xa estaban agardando dúas mulleres, pouco pasaba das tres e aínda quedaba máis dunha hora de espera. Botei man do libro, recreeime na reconstrución do Ourense da primeira posguerra. Parara de chover. Pouco tránsito. As dúas mulleres comentaban o raro que era que un luns houbera tan pouca clientela. Despois chegou a nai dunha antiga alumna miña, coñecina pola filla. E, un chisco máis tarde, o Fontao. El recoñeceume, é doado non esquecerme. Eu non. Pouco antes de que me tocara entrar soltouno:

-Ti estudaches en Chantada.

-Pois si -Respondín, aínda que só foron tres anos os que alí estudei.

-Lémbraste de min?

A verdade é que se me facía unha cara coñecida. Errei por pouco, de Paradela a Escairón moito non hai.

Fomos prendendo na conversa pouco a pouco. Nos últimos 28 anos debemos vernos un par de veces…con esta, malia vivirmos tan perto. Mais non nos demos á rememoración de vellos tempos, que sempre resulta insatisfactoria. Axiña nos metemos na actualidade, repasamos o acontecer político chantadino e galego. Preguntoume quen levaba as rendas do PP en Chantada. Sabelo ten o seu mérito, respondinlle, porque a Susanita, aínda estando en Santiago cunha dirección xeral, non quere afrouxar o mando, no PP queren metela de alcaldesa e librarse dela en Santiago porque as súas meteduras de pata son antolóxicas…mais pasa que as últimas encargouse ela soíña de perdelas, e non é que o diga eu, comentáronmo xentes do propio PP…

Fontao é un tanto pesimista con respecto á evolución da política galega. Eu expreseille a miña opinión de que o Habichuelo non debería comer o turrón de presi. Xa comeza a haber moito descontento no propio PP. Por  non falar dos escándalos que manchan o seu equipo. E que só ten un deputado máis que a oposición. Se fai falta comprámolo, aínda que sexa desde fóra do hemiciclo. Porén o que cebaba o pesimismo do Fontao era a marcha do PSOE e BNG. Non souberon venderse, sobre todo non souberon informar de que as políticas sociais son as únicas efectivas de cara ao cidadán porque se dirixen a cambiar un estado de cousas e ese mesmo cambio altera as condicións de vida do propio cidadán. Abonda con que alguén prenda a mecha  de que calquera cambio é malo para espertar o  conservadurismo no votante. O xogo de implicacións levaríanos a unha conclusión dese  estilo.

Tamén falamos do farta que está a xente da LVG; eu conteille como profesores do meu centro xa nin queren oír falar de LVG e renegan dela en público e en voz moi alta. Pola miña banda conteille como El País se está dereitizando, por ver se do folión de Cajamadrid e os espías dá tirado beneficio, vamos de Esperanza Aguirre. E lembro que coincidimos en que Ana Miranda era moito mellor candidata a levar o rumbo do BNG que Guillerme, que tanto el como Pachi seguramente son candidatos de transición. De aí o pesimismo do Fontao, do pouco que confían PSOE e BNG nas súas forzas.

Chamáronme para entrar e aí rematou a nosa conversa, cando xa estabamos en quentura.

Logo, conducindo para volver á casa, escoitaba a radio, radio galega, como sempre, e viña coas miñas cavilacións e  aparecéuseme que pola mañá escoitara a primeira cuña do A polo ghit 09. E que me cabreara un montón. Viña sendo a do ano pasado, que debullei aquí, nesta Ferradura. Sigo opinando  o mesmo, resulta vergonzosa, absolutamente vergonzosa, e non ha custar tanto unha decente…

Mais, sobre todas as cousas, que non se intale en nós un clima de pesimismo autocompracente e publicamente autocrítico. Non vén a nada, só a afianzar ao inimigo e ratificar a opinión pública nunha mentira, a de que o bipartito foi un desastre…cando desatre só o foi para o PP.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.