ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

carta a Anxo Lorenzo

Vai sendo hora de poñer as cartas enriba da mesa, meu señor, e disimúleseme esta entrada tan directa. Verá

Hai tempos e tempos, e estes tempos non son os de ficar detrás da mesa do despacho.

Se A da Calceta foi unha alegría que marchara, meirande inoperancia non é doado atopala, vostede, Anxo Lorenzo, non a está mellorando senón todo o contrario. Porque o seu nomeamento como Director Xeral de Política Lingüística só serviu para que Feixó e os inimigos do galego arremetan con máis virulencia e coa mesma convicción de sempre contra a lingua que nos define. É triste. Mais é así. O seu nomeamento, vostede como DXPL, está sendo de máis utilidade aos galegófobos que aos galegófilos.

Quero crer, aínda que me resulta especialmente  difícil tratándose do PP, que vostede aceptou o nomeamento de boa fe.

Quero crer que vostede o fixo porque estaba convencido de que ía traballar polo galego.

Quero crer que aínda está convencido de que o está facendo.

Porén, o día a día demostra que está vostede traballando para o inimigo.

No centro onde traballo, a radicalización imposta polo PP está levando a unha situación certamente pouco habitual, e agardo e agradaríame que non excepcional. Persoas que alzaron a voz e a protesta cando tiveron que facer en galego a programación didáctica, hoxe son lectoras fieis de medios escritos integramente en galego, rexeitan enerxicamente La Voz de Galicia, mesmo levan para os ocos mortos A Nosa Terra. Esas mesmas persoas non fan máis que preguntarme, porque día a día len continuos ataques ao galego por parte de PP, OPUS e afíns, non paran de preguntarme qué é o que vostede fai, a qué vén tanto silencio de quen nos tiña que defender. Co cal me vexo eu na tarefa de facer o seu traballo, que o fago de mil amores pola miña lingua, mais desde o ar, só cos argumentos que eu mesmo me fabrico, sen aopios ningúns. E verá, non é que me importe lavarlle a cara a vostede, é que empezo a  cuestionarme que, se cadra, estoulle lavando a cara ao sepultureiro do galego…e iso si que non, de ningunha maneira.

Non quixera calzar os seus zapatos, asegúrollo. Se finalmente traballa polo galego…ese é o seu deber. Se finalmente é vostede un infiltrado do castelán, outro oportunista…non lle vai ser doado vivir aquí, non teño que asegurarllo porque seguro que vostede o ponderou axeitadamente antes de aceptar. Isto e máis cousas.

Reitérolle: non hai dignidade ningunha en seguir sendo vostede a coartada para máis ataques ao galego, ataques que proveñen de quen o nomeou a vostede.

Ou cambia de actitude XA ou o mellor que pode facer polo galego é dimitir e non estorbar. Queda demostrado que para traballar polo galego non cómpre curriculum senón vontade e amor pola lingua.

Sen máis, e non foi pouco…

Xosé M. Eyré

2 Comments

  1. albixoi:

    Subscribo ao cento por cento cada unha das palabras deste post.

  2. xmeyre:

    Grazas, Albixoi.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.