ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

Galicia Bilingüe e a idiotez permanente

Veño de recibir o último número de ANT (1361), nel vén unha entrevista, moi interesante, con Peter Kraus, profesor en Helsinki, coñecedor de primeira man da realidade finlandesa que tamén está ao tanto da realidade española, a súa nai é catalá, el é profesor de Relacións Étnicas e Nacionalismo na Universidade de Helsinki.

Tamén lle lin unha recensión do encontro Callón-Gloria Lago. Polo que sei Callón pegoulle unha interesante malleira a GB-GloriaLago. Lin na súa bitácora que non está moi satisfeito de aceptar o envite, non é nada raro, visto o trato que a MNL e o galego teñén recibido nesa casa, e os orgasmos con que acollen calquera parida castelanófila e antigalega, mais creo que fixo ben aceptando, medo nós?, ningún.

En realidade GB-GloriaLago non é mais que un refuxio-cova de nostálxicos franquistas bebendo o licor que destila a frustración, a amargura fracaso do propio proxecto individual e social, o fel dos malos perdedores. Quen son Gloria lago ou Andrés Freire ou calquera deles sen GB? Nada.

O OPUS, arrecantado pola evolución social cara á liberación de ataduras morais e relixiosas, págalles e grazas a iso, á necesidade do OPUS de seguir controlando o ensino privado, vanse mantendo en cartel.

Que esta xente estea envelenando a sociedade galega con mentiras e máis mentiras resulta especialmente doloroso. E a segregación lingüística, un proxecto que ten unhas implicacións sociais extraordinariamente graves, raianas na pura delincuencia, ou polo menos así debería telo previsto a lei.

Unha das súas falacias máis usadas, Finlandia, fica totalmente co cu ao aire nesta entrevista a Peter Kraus. Non é certo o que di GB. Sabíase. Mais que o diga un docente de Helsinki reviste unha contundencia neutral esmagadora. Por demais de que a mentalidade e cultura finlandesa xa non só é proclive ao entendemento intercultural senón que en boa parte vive del. Todo o contrario do que aquí pregoa e pretende GB.

Que un presidente da Xunta se deixe influenciar por semellante niño de víboras incultas, desprovistas ademais de cobertura “científica” previa e sólida, é dun candor impropio nun presidente.

Gloria Lago-GB xa idiotizaron a Feixó sen moito traballo. Non consentiremos que lle pase o mesmo a Galiza. Nós somos cultos e a cultura está con nós.

Un bocadiño das palabras de Peter Kraus:

En Finlandia todos os rapaces estudan as dúas linguas e calquera cidadán ten dereito a dirixirse á Administración no seu idioma aínda que o territorio no que viva sexa maioritariamente monolingüe. Despois, nas zonas nas que se falan dúas linguas, si hai dereito a elixir. Pero é un caso distinto porque Finlandia nútrese da idea de que a diferencia lingüística non debe implicar desigualdade en termos de recoñecemento público, o Estado ten que xerar un espazo simbólico e administrativo que lle garanta a todos os cidadáns vivir na  súa lingua. (p.13)

Como aquí, a que si!

Repito:

“a diferencia lingüística non debe implicar desigualdade en termos de recoñecemento público, o Estado ten que xerar un espazo simbólico e administrativo que lle garanta a todos os cidadáns vivir na  súa lingua.”

Pois veña, Feixó, GloriaLago-GB..a ver se aprendedes e, cando recoñezades e digades algo polo estilo…poderemos empezar a falar de igual a igual.

4 Comments

  1. Larvós:

    O problema deste asunto é que os de GB saben tan ben coma nós que iso é así. O que pasa é que se decataron de que, para gañar adeptos, o que precisan é manter un discurso, ante todo, vítima. No fondo, como todos sabemos, son lobos disfrazados de cordeiros… Non hai que descubrirllo a eles, eles xa o saben, é o pobo galego o que se ten que decatar. O problema, coma sempre, é canta xente temos aquí que, por puro autoodio, prefire non decatarse. O conto de sempre, en fin.

  2. xmeyre:

    Eu, ás veces, inclusive creo que non o saben, que son tan burros que nin iso. De feito xa tiveron que cambiar o discurso, xa non van tan de vítimas, xa recoñeceron que o castelán non está en perigo.
    Larvós, voulle contar unha cousa. Podería ter escollido calquera outro tema, algunhas cousas teño gradadas esperando subiren á Ferradura. Porén penso que, aínda que non diga nada novo, é moi importante falar deste tema, contribúo a darlle difusión no que podo…é unha maneira de loitar e poñer en evidencia á prensa babosa.
    Grazas polo comentario, Larvós

  3. Larvós:

    Creo que me expresei mal: cando dixen “o conto de sempre” referíame a que, na base do problema, sempre está a mesma cuestión: o éxito do discurso de GB está dentro de Galiza, no autoodio. Sen ese problema, GB enguliríase a si mesma. Polo demias, claro que hai que difundir os contra argumentos (eu, de feito, tamén o fago con frecuencia. Sempre qeu podo, de feito, e non me refiro só ao blog, senón tamén ao día a día, coa xente). Se deixamos que a única información en fluxo sexa a de EL MUNDO, Libertad digital e a COPE, entón si que nos podemos dar por perdidos.

    Saúdos

  4. xmeyre:

    Non sei se deus volo pagará, que de existir de ser cego,xordomudo e sen entrañas. Porén, o meu recoñecemento é eterno. Galiza non existiría sen xente así.
    Só unha reflexión. Trátase de autoodio, sen dúbida.O autoodio non é cousa de doada admisión por parte de quen o sofre e practica. Nin vende. Pode parecer infantil, mais creo que tematizar insistentemente a burramia que desprenden os GB vai ter meirande efectividade, á xente non lle gusta que lle chamen burra…porén admite con meirande facilidade isto ca que se autoodie. E o mesmo pasa coa prensa.
    Grazas polo comentario, Larvós

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.