ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

Makinaria e maquinismo

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 23 Xuño 2009 @ 10:28 a.m.

Hai azares. Despois do Metal central, pois vou e pillo o Makinaria. No poemario de Alfredo Ferreiro hai unha revisitación consciente do futurismo. Máis consciente, na miña opinión, que convencida. E mira ti por onde me cae nas mans o de Carlos Negro, que  non lle podemos chamar futurismo porque é pan ou bágoa de cada día. Mais maquinismo, si.

Carlos negro enfía unha historia, outra historia, para unha mocidade desesperanzada, sen alternativas, unha mocidade que vive para as emocións fortes, as emocións fortes ou subidóns adrenalínicos que proporciona a velocidade…

Así é como vulgarmente se conta unha mentira. Porque o subidón adrenalínico vén proporcionado pola sensación de control e desafío unidas…E non teñen moitas máis oportunidades que esa de calcarlle ao ferro, a sociedade déixalles pouca alternativa.

Claro, é unha historia triste, e unha historia que sabemos vai rematar moi mal. Porén hai que vivila, o contrario é estarmos mortos.

Quero dicir tamén que a idea me parece moi ben. Sae en Xerais, que despois do Poetízate segue apostando pola poesía para os lectores mozos. A idea gústame e esta lectura vai enganchar en moito escolar, vailles dar outra idea da poesía. O cal tamén é perigoso. Porque tampouco iso é tan necesario, tampouco a poesía para moz@s ten que ser así. Eu, polo menos teño a experiencia de que a poesía éntralles moito mellor do que pode parecer. Casos como o de Berlín (María Lado) ou Manual de destrución, son exemplos de hoxe mesmo.

Noutra ocasión continuarei por esa vía. Agora quero recuncar nalgo que xa teño comentado outras veces.

Que isto isto de Carlos Negro sexa poesía é algo puramente accidental, accidente debido á vontade do autor de así presentar a historia. Como unha poesía que trata de achegarse á linguaxe e forma de sentir da mocidade. E faino contando esta historia. Esta historia que é posíbel, e doado, ler como iso, como unha historia que en prosa ocuparía moito menos.

Repito que o camiño me parece perigoso. Para achegar a poesía á mocidade o que hai que facer é dárllela a ler, sen (auto)complexos.

E anuncio que esta historia de Carlos Negro demanda a berros unha versión musical, vai que nin pintada para o hip-hop.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.