ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

adianto da crítica de Metal central

Filed under: Sen clasificar — 25 Xuño 2009 @ 8:43 a.m.

Onte enviei a ANT a crítica correspondente ao poemario de Alfredo Ferreiro. Velaquí algúns parágrafos en adianto. Este é o primeiro:

Poden pensar, se queren, que cando escollín esta lectura para comentarlles hoxe, o fixen dalgunha maneira influído polo conflito do metal que a bisbarra de Vigo está a vivir precisamente nestes días. Fágano, xa lles digo que non é a única razón, mais tamén influíu, de certo. Outra razón foi a estupenda presentación do libro que se le no prólogo de Xosé María Álvarez Cáccamo. Cópiolles o remate: “Eu sei que o brazo do poeta do sector da densidade simbólica e mineral, lapidaria e expresionista, reflexivo e un algo surreal, naceu aquí, no Metal central, máquina especializada en comprimir unha experiencia de milleiros de graos para obter a lámina xusta, a páxina de deseño exacto e singular”. Hai máis razón, e evidentemente entre elas está a curiosidade. Porén importan menos a razón que me levaron a ler este poemario que as que os poidan conducir a vostedes á súa lectura

………………..

Este é o terceiro:

Porque por riba da variedade de ecos que resoan na lectura dos versos de Alfredo Ferreiro, o que mellor grabado me ficou na memoria foi a figura do máxico alquimista. Alfredo Ferreiro exerce diso, de máxico e de alquimista. Como os magos, procura as esencias esprirituais do material. Como alquimista, do material afánase en extraer as esencias espirituais. De xeito que o poeta, porque este máxico e alquimista escribe as fórmulas na arquitectura nouménica da palabra feita poesía libre, se constitúe en punto de encontro. De xeito que o poema se constitúe nun xeito de filosofía humana elaborada desde os adentros do frío material visto desde a perspectiva inquisidora de quen non só traballou con el senón que quixo achegarse a el en trascendencia comunicativa e explicativa.

…………………..

E remata así:

Ademais do dito ha de terse en conta que Metal central é un poemario incómodo. Incómodo, tanto para o lector como para o  mesmo autor. Cunha incomodidade derivada do feito de ter que inmiscirse, tanto o poeta como o lector, nas entrañas (frías ou quentes) do metal, material co que traballamos, que domeamos e moldeamos segundo a nosa conveniencia, si, mais tremendamente duro, refractario, alleo. Vamos, que aquí non hai iso que se chama poesía gozosa. Esta é unha poesía contemplativa, lapidaria ás veces, que xoga coas perspectivas ( ora externa, ora interna, en diferentes graos), na que a connotación ten un papel perenne mais difuso porque a contundencia reveladora é tamén plataforma de lanzamento para a evocación…porén a evocación depende do tema tratado e neste caso témola moi pouco adestrada, de xeito que case se convite nun convite á vertixe da caída libre. De aí esa sensación de estrañeza, ese pouso fondo e desestabilizador que nos deixa a libación do licor destes poemas. Destes poemas nos que tampouco debemos esquecer a dimensión épica, unha dimensión implícita, non explícita, mais que sempre está aí, que sempre está aí como os conflitos sociais, como os conflitos que a sociedade viguesa está a vivir. Xa saben, a realidade non sempre é o que se ve, ou le. A realidade ben pode empezar aí.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.