ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

festas

Filed under: POLÍTICA, SOCIEDADE, CULTURA,VARIA NATURA — 22 Agosto 2009 @ 11:08 a.m.

Mediados os noventa, andabamos moi peocupados co declive das festas. En Alem-parte, en Achantada, naquel ferver de inquedanza cultural que viviu a vila nos 90, este era un dos temas fixos.

Porque, a ver, quen non ten gana de festas?

E se a xente ten gana de festa porque ese esmorecer?

Da primeira pregunta, a resposta é obvia. Cada día hai máis. O importante é un pretexto, unha escusa. Se a festa é creada, a xente vai. Fun partícipe na creación de dúas (Festa da Poesía, Festa da Castaña) e andei por alí no nacemento da Feira do Viño e do Castañazo Rock. Creouse a festa e a xente foi.

E malia dicir que cada día hai máis, nin así o número se achega á cantidade de festas que había hai cen anos, ou cincuenta.

Mais, onde vai! Aquelas festas de San Paio de Muradelle, de Arcos, do Convento, de Mariz, de San Xián do Campo…eran festazas que competían coas discotecas e gañaban. Lembro perfectamente cando de Chantada saían autobuses que levaban xente a San Paio, por exemplo. Eu traballaba nunha discoteca, e a discoteca, ese domingo remataba antes, un chisco antes de que saíra o último autobús para San Paio.

Enfín. Comezaron onte, as de Chantada. Os primeiros en tocar, xa os esquecín, e mira que tiña gana de oílos. Quedan por diante catro días infernais. Moita canseira e moito gasto, xusto agora que collera a manivela dun relato en lunfardo que em traía de cabeza.

A culpa, do declive, no meu modo de ver, estivo principalmente nas orquestras. Orquestras, non as hai por aí da altura das galegas. Mais foron moi poucas as que souberon conectar coa xente, case todas se preocupaban máis de armar o seu show particular que de conectar coa xente. A proba: hoxe vén sendo ao revés. Preocúpanse moito de conectar coa xente, son conscientes de que sen público…

As orquestras e a nula capacidade de anovación dunha fórmula que ía ficando anticuada…

E a política, naturalmente, con ese baleirar de xente nova o interior de Galiza, práctica habitual no PP, como dialecticamente non os daba derrotado…mandábaos fóra, onde non estorbaran.

2 Comments

  1. ailalá:

    Que quere dicir ese andei por alí? Pódense interpretar moitas cousas e non é bo xogar ao despiste.
    Acaso quere vostede dicir que foi parte da organización deses dous eventos? Se é así dígao claramente.

  2. xmeyre:

    Non, non tomei parte na organización.Nos dous casos fun entusiasta espectador, moi interesado en que saíran con ben.
    Andei por alí.
    Grazas polo comentario, Ailalelo

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.