ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

estrela azul de laxe

Filed under: POLÍTICA, SOCIEDADE, CULTURA — 25 Agosto 2009 @ 12:26 p.m.

Na miña memoria futboleira, o Estrela Azul de Laxe, ocupa un lugar sobranceiro. Era o equipo da parroquia, e cando xogaba nel significaba que estaba de vacacións. Hoxe non existe nin o campo, o Estadio “El Pinar”, que ese nome lle deron os da FEF. Hoxe é unha entulleira. A ver se os da Memoria Histórica o recuperaran.

Conta a historia dun home que ve uns rapaces a patadas tras dunha pelota, que naqueles anos seguramente era de farrapos. Este home tiña un monte aló por riba da Lucenza, ficaba xa na estrema da parroquia. Mais as cousas como son, primeiro fíxose cun balón e regalóullelo, “para que fagades un equipo”. E os rapaces fixérono. Mais, aínda que daquela non pasaban moitos coches, non era cousa de que se puxeran a xogar na estrada e as corredoiras quedábanlles pequenas. Polo que había que buscar prados que estiveran segados, e o consentimento do dono. Así que este home faloulles daquel monte. ” Rozádelo, e bastante chairo e pódevos valer de campo sen amolar a ninguén”. Este home, do que lles falo, disfrutaba vendo a mocidade organizada, até lles comprou un uniforme. Esa foi a súa perdición. As autoridades franquistas deron en perseguilo. A represalia non tardou. Confiscáronlle todos os bens, culpa: organizar a mocidade, á marxe dos permisos correspondentes da autoridade competente.

O Estrela Azul tivo unha brillante, e curta vida. Era o equipo dos meus curmáns, unha boa parte dos xogadores eran da miña familia. Cando me tocou a min, xa a cousa ía mermando, xa había outras parroquias do Concello con equipos moi serios. Por exemplo Mariz e O Poboado de Fenosa. Custaba manter o tipo contra eles.

Algúns dos que entón eramos xogadores, hoxe teñen fillos xogando no Chantada, no primeiro equipo, de Preferente, ou en categorías inferires. Como o Aitor, que xoga no Chantada B, é fillo dun curmán meu, e mete uns pases, estilo Valerón, moi medidos que dinamizan moito o xogo; xa lle vin marcar un gol olímpico en saque de curruncho. Este ano vai xogar tamén o Charli, fillo do Carlos da Teresa, é central no de Preferente, saca o balón xogado, é forte e sabe estar atento, xa o pai trataba ben o balón, era un bon extremo. Outro dos que xogan no B é fillo dun amigo, Manolo de Boán, un dianteiro moi rápido, que cando non lle saen as cousas baixa o santoral a hostias.

O certo é que hai moitos rapaces con condicións para xogra ben ao fútbol. Pecado, falta de técnica no control e de precisión no pase. Motivo, pouco adestramento. A min revólveme o sangue. Esta xente de agora moi cómoda é. Lembro o Pucheiro, e tantos como el, viñan adestrar despois de botar todo o día traballando, viñan adestarar en bicicleta, os que a tiñan.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.