ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

Monte Louro, subliñados e comentarios

Filed under: Sen clasificar — 26 Agosto 2009 @ 11:11 a.m.

Os soños auxíliannos cando a realidade parece unha guerra sen tregua, e ata perdida. Os soños ocupan esa terceira parte da nosa existencia que dedicamos ó repouso. Os soños garanten que, polo menos, no mundo vai haber un terzo de xustiza. (347)

………………….

Leu a poesía iberoamericana da época, tan emparentada coa do 27 español; ensaios dun pensamento contemporáneo onde era hexemónica a escola existencialista francesa, a xeira renovadora de narradores anglosaxóns e italianos ós que tiña acceso en traducións inzadas de modismos arxentinos; e tamén, con menor interese, a produción literaria do exilio galego, con Rafael Dieste e Lorenzo Varela como os seus preferidos. Si, aquela imprenta da rúa Perú, a uns centos de metros do Mercado de San Telmo, foi unha especie de universidade para Iago. (398, o salientado é meu)

…………………….

Quédanme algo menos de 200 páxinas para rematar Monte Louro. Algunhas cousas xa as vou tendo claras.

-Que está ben escrita. A facilidade camaleónica coa que o narrador asume os puntos de vista das personaxes é de salientar, tecendo un discurso no que, amodo de Guadiana, se incrustan as voces das personaxes. Igual que feito de xogar con dúas perspectivas diferentes, complementares, que se van aproximando para dar unidade ao discurso.

-Malia isto último estar ben conseguido, mirado o discurso cun chisco de frialdade non deixa da parecer a aliaxe de tres historias (Delio, Artemio, Iago). Tres historias insatisfactorias que en realidade son dous case dúas. A de Delio e a pobreza do Monte Louro muradán. A de Artemio, buscavidas en Barcelona. Pouca variación hai no clima narrativo. En contraste co pasteleo de parte moi substancial da historia de Iago. Por certo, que os tres, Iago, Artemio e Delio son a mesma persoa.

-Desde o punto de vista ideolóxico resulta inclusive non recomendábel. Viron o salientado?. O contido do salientado resulta un renegar gratuíto e de moi mal gusto. A historia non gaña nada por el, non sería menos sen el e polo menos aforraríanse estas liñas e o seu contido.

-Máis outra vez, unha historia escrita desde a óptica madrileña, pensouse máis no efecto da tradución nos madrileños que no que poidan opinar os galegos.

-Resúltame moi decepcionante “como novela da emigración”. Polo que levo lido, dificilmente un emigrante no Bos Aires pode espellarse en Iago. Ademais é que, tanto en Barcelona como en Bos Aires, o que importa é o mundo interior  e  non o mundo social, as relacións íntimas contrapostas ás sociais, polo menos case á súa marxe. En parte ese labor debería asumilo o narrador, e faino con preguiza, coa desgana dun requisito mal  levado.

-É máis, certa que nestes días ando documentándome sobre Bos Aires, como saberán os lectores desta Ferradura, se cadra por iso me resulta tan decepcionante, frustrante, moi liviá a parte porteña, que o léxico asumido no discurso non disfraza convincentemente.

-Lémbrame Resistencia, de Rosa Aneiros, mais Rosa soubo combinar moi ben o mundo social e o mundo das relacións íntimas. Que en realidade son o mesmo mundo na de Rosa Aneiros.

– Ao presi do bipartito, Touriño, habíalle prestar ben, imaxino.

-Iago, Delio, Artemio: outro que anda arredor de si sen atoparse? Interesado en certo sindicalismo españolista, por certo moi livián, remata sendo un patrón.

Dito coas reservas lóxicas do que me queda por ler.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.