ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

a Idade Media e a desalienación intelectual

Filed under: Sen clasificar — 2009-11-17 @ 12.01 p.m.

A Idade Media, xa de pequeno, era para min un  tempo fascinante. Atraíame con esa atracción irracional, visceral, abismal. E cáusame unha fonda tristura dicir o que vou dicir, que non é outra cousa que esta: unha significativa parte do que sei da Idade Media tiven que aprendelo por min mesmo, non mo transmitiu o sistema educativo senón que este o que facía era agachar o que despois eu fun descubrindo. Os libros falaban dos comuneros de Castilla, e silenciaban as Guerras Irmandiñas. Os libros dicían que a Idade Media era unha época escura, que a caída do Imperio Romano fora o que a provocara, que a ciencia derivou en alquimia e os saberes se refuxiaran nos conventos baixo a protección da Igrexa Católica. Porén o Imperio Romano nunca foi un espello no que mirarse en canto a cultura se refire, absolutamente nunca puido nin sequera rivalizar coa sombra alongada da antiguidade clásica grega. Resultaba obvio. E dificilmente pode ser considrada unha idade escura aquela na que nacen as universidades, aquela na que nacen boa parte das linguas occidentais europeas ( que comezan a ser linguas de cultura, linguas de cultura que en pouco tempo si poderán rivalizar coa propia cultura romana ), aquela na que as literaturas comezan a ter carta de nacemento como expresións da inquedanza e idiosincrasia propia de cada pobo ( o cal ten tanta ou máis importancia que o feito da divulgación universalista das traduccións, e hai que dicilo)….

Tampouco quero inzar exemplos, non é esa a nosa finalidade.

Só son quen de entender a Idade Media como unha época escura cando se me aparece esta ligada á implantación da fe católica. Que o saber clásico ficara confinado nos conventos, ese foi unha espantosa damnificación ao progreso e á cultura. A Igrexa , que moito presume disto, debería avergonzarse do pouco, lento, e tardío froito que lle tiraron, cando lle tiraron algún; debería avergonzarse da ocultación de saberes que desde sempre practicou. E tampouco me había chegar con iso, como eles din: sen propósito de enmenda non hai absolución.

A Idade Media representa o remate dun totalitarismo, o romano, é iso sempre é de agradecer porque o totalitarismo sempre foi contrario ao progreso da humanidade. A grande lacra da Idade Media foi a expansión do totalitarismo relixioso que representa a fe católica. E, como é lóxico, a Idade Media só comezou a dar mostras do que verdadeiramente podía ofrecer  e se podería agadar cando os pobos asoballados polo imperio comezaron a poder andar por si mesmos.

Tamén naceron totalitarismos na Idade Media, e nós somos damnificados que ben o poden constatar.

Porén agora, deámoslle outra perspectiva ao aserto. Falemos de literatura, de litreratura actual. Os best-seller ben se poden considerar a aplicación á literatura de ideas totalitaristas, a comparanza gaña máis aínda se pensamos nos best-seller como tentativas empresariais para que todos accedamos a un mesmo ideario. Pois ben, hai moita máis literatura nun parágrafo ( ao chou, escollan vostedes) de Areaquente que en toda a novela de Dan Brown. Os cartos investidos na promoción de artefactos dese estilo, canto ben farían de seren utilizados na promoción da literatura de verdade. Claro, coa literatura de verdade, a que se escribe con maiúsculas, con esa gañamos todos: os lectores, os autores, os editores ( así, en plural; ese plural redúcese cando o editado son best-sellers), e o continente ideolóxico que creamos e deixamos en herdo. Co best-seller, todo iso redúcese á mínima expresión. A mínima expresión, iso é o que se nos quere facer pasar por «imprescindíbel» para «estar ao día». Para estar ao día, gabar inmerecidamente produtos literarios de dubidosísima cualificación, e seguir ignorantes de que o mesmo que se nos quere vender como «o último do último», o non vai máis, o fetén do fetén, xa se fixo na Idade Media, hai 1000 anos, e con moita máis altura estética, que aínda se acrecenta se engadimos que as literaturas en linguas romances estaban a explorar os primeiros pasos da lingua literaria.

O best-seller que necesitamos : o que desminta a inmensa cantidade de patrañas que nos foron transmitidas como saber incontestábel.

Esa é a Idade Media que lles explico aos alumnos. Tamén emprego ese termo aplicado ao PP, empeñado en manternos mergullados nun escurantismo que fai da indixencia cultural virtude, que prima o desmantelamento da iniciativa cultural, industrial e creativa e vende iso como progreso, que non tolera ningún tipo de creación que escape ao seu control e quere considera inimiga calquera tipo de actividade creativa que non controle, que presume moito e non fai nada, que non admite a posibilidade de (no xogo democrático) perder o poder e reacciona de moi mala maneira ante iso…porque aínda se cren os únicos donos da razón por delegación vicaria divina ( provada no consenso que suscitan as súas teses entre as camadas «nobres», exclusivas e a facilidade coa que impoñen o seu ideario nelas)…porque son excesivamente curtos de entendedeiras como para poder admitir e entender (aínda que non compartan) as razóns dos demais ( esa é dereita que matou Aznar,  a que botamos de menos, a única faciana intelixente da dereita) …porque a única Idade Media escurantista e atrasada que existe e existiu…é a auspiciada polo PP.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URI

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.

Olark Livehelp