ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

liquidación por reformas

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 30 Decembro 2009 @ 12:28 p.m.

A ver, que van sendo horas, cando lle colocan tal etiqueta a estas  festas. Que, como festas que son, merecen un respecto. Algo que as alonxe do triste espectáculo en que deviñeron. Consumismo en estado puro. Aínda peor. Consumismo en estado puro, rifas para o espectáculo da pobreza.

Decidín non facer os libros de reis. Nunca quedo á vontade coas listaxes de  recomendacións estas. Non me gusta recomendar libros que previamente non lera eu. E teño moi mal acceso aos catálogos das diferentes casas editoras, nin podo estar seguro de que os  catálogos estean completos, atonte memso recibín un paquete de libros. Entendo que é interesante para o capítulo de vendas, entendo, mais nestas condicións non podo.

Ando a ler unha novela que ten toda a pinta da autoedición, de Francisco Sobral, autor do que pouca cousa sei. Neste fóro fálase da obra previa de Francisco Sobral, O Escalado do Convento. Reparen no texto final de Federico Jiménez Losantos, entresaco un bocado:

Pois mira, vouno ler celebrando a agresión separatista que supón segundo Jiménez Losantos, que carallo, é o que eu teño que celebrar

Con cada capítulo que lea, vou arremedar o Shakespeare destilado, será cousa de ver, un capítulo: unha copa de licorcafé:un brinde pola cultura galega:un brinde polo mal corpo que se  porá a FJL e a camarilla tropeira que anda tras deste ayatolá, e tres urras por cada negación de nós que os ppetimetres fan da cultura de nós, cando tanto nos negan, cando tanto nos censuran, cando tanto nos odian…é que debemos ter razón, somos un perigo só por ser, pois que se foda quen non sexa!

A novela comeza así:

-É posoble un crime a primeira vista?

Ola, chámome Irimia Castro e estou recostada na cama co pensamento perdido na mellor resposta a este interrogante. Debo aclarar que a raíz da pregunta non reside nunha casualidade nin se debe a ningún xogo pretensioso.Vou contar porqué. O que me leva a buscar ou enredar con este tipo de cuestións ten moito que ver co meu traballo. Dalgunha forma todos os días teño que ler noticias que conteñen a verba crime.

Fóra, o sol dun estío adiantado xa desapareceu. As luces dos farois alumean a noite de fume e cinza, visible a través da xanela do meu cuarto. Alén dun ladrido o silencio é absoluto. Levántome, corro a cortina e espreito polos buratiños da persiana. Póñome a pasear e dou catro voltas polo corredor do apartamento.

O descanso é benvido mais o sono non dá chegado. Intento deslizar a mente pola enorme longura dunha saba branca e así cubrir todos os pensamentos. Probo a permanecer inmmóbil durante máis de media hora. Nada. Vou á sala de estar e déitome sobre o costado esquerdo no sofá ( estilo canapé), e repouso a cabeza sobre o brazo estirado e a man apunta a dous vasos e dúas botellas, unha de cervexa e outra de auga, pousadas sobre a mesa de vidro anexa.

No apartado do estilo, da forma, das maneiras, non vai ser grande cousa, non, ben se ve.

Mais quizais conteña unha historia que encha. Aí si que seguramente non erro

4 Comments

  1. xose ramon:

    Feliz Ano 2Q1G

    Queremos Galego

    Saúde.

  2. xmeyre:

    Beizón, Xosé Ramón

  3. Francisco Sobral:

    http://xmeyre.blogaliza.org/2009/12/30/liquidacion-por-reformas/

    Estimado X.M.Eyré.
    Moitas grazas pola consideración e cortesía con que me trata neste blog “ferradura en tránsito”.

    Nacín en Redondela e sou fillo e descendente dos Sobral, emigrantes de Aranza (Soutomaior)a Lisboa dende comezos do século dezanove (Antonio Sobral Soto) a raiz das invasións napoleónicas. Estudei ata o 7º do liceu en portugués. Despois do 25 de abril do 1974, retorno a Galiza, vindo a estudar Economía en Compostela.

    Todo o que vostede comenta é certo: -Son moi pouco coñecido. -O meu estilo, forma e maneiras non é grande cousa; o mais que intentei acadar foi ser imaxinativo, sinxelo e honesto. Escribo con prazer dende neno. Cada vez que procuro no diccionario unha palabra teño o gozo de xogar nun puzle infinito. Obsesionome e teño fixacións coa polisemia e a fusión das diferentes artes e culturas. Teño un complexo de inferioridade provocado pola miña pobre formación no eido das letras e da literatura galegas. Se autoeditei a novela foi polo ánimo recibido por catro amigos e compañeiros, profesores de lingua Galega que leron o mecanoescrito. Teño que agradecer tamén o apoio recibido por Edicións do Cumio, que por razón de esgotamento do orzamento do 2009 non puideron publicar. Porén, a quen máis teño que agradecer polo apoio (desinteresado) recibido, é ao moi estimado amigo Carlos Bernárdez. Mencionar que grazas a Carlos, descubro a grandeza dun enorme ESCRITOR, CAMILO GONSAR. Na miña humilde opinión é pouco coñecido e si é merecedor de ser tratado como un dos mellores ecritores da nosa língua. Sei que vostede xa o fai Sr. Eyré, mais agradeceríalle e corazón que no posible continue loitando por elevar e situar ao erudito e ilustre Camilo Gonsar no lugar que se merece no ámbeto da literatura Galega. O mais que fixen foi copiar os *** que Gonsar utiliza nos seus relatos, como unha humilde homenaxe que pode comprobar en Liquidación por reformas.

    Polo demais agradecerlle a consideración e crítica que fai da miña humilde obra en A Nosa Terra. En especial debo felicitalo, xa que secciona e desgrana con especial saber, atino e certeza o meu proceder nesta obra. Gostaríame coñecelo personalmente e convidalo a tomar un café. De paso, que me puidera aconsellar respecto do estilo, da forma e das maneiras, ou de outras questións que debo observar co fin de mellorar a miña escrita. Debo recoñecer que entre o portugués e o galego (a súa normalización, a contínua invasión do castelán e agora tamén do inglés), hai veces que na miña mente exista unha “mexordia” dificil de elucidar. Canto antes vou ler a súa obra “Constelación do IO” din que: “… é un libro inclasificable porque non encaixa en ningún molde preestablecido, nin deixa acougar o lector. Literatura para gozar e coa que preguntarse, para intervir no texto e manterse activo.”

    Sen mais, reciba un cordial saudo.
    Francisco Sobral

  4. xmeyre:

    E bo foi que me decatei deste comentario, non sen tempo!Pois igual se terza ese café, home non!

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.