ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

comeza o glotocidio do contradecreto señorito

Filed under: EDUCACIÓN, ENSINO, ESAS COUSAS,LINGUA — 31 Decembro 2009 @ 12:39 p.m.

Despois de non querer oír a voz da rúa. Despois de non querer escoitar opinións, abondas opinións, de profesionais do ensino e intreresados ( que somos todos , ollo).

Un triste señorito, un triste aspirante a señorito, en realidade un frustrado aspirante a señorito, que nesta Ferradura apelidei Anxo Exterminador. E que ficou na sombra, significativamente na sombra. Fixo un contradecreto para reducir a presenza do galego nas aulas. E quedou tan pancho, alí sentado, á sombra. Fixo o traballo do PP. O que ninguén no PP ousara facer. El, un antigo aliado, agora traballando para o inimigo.  EL, que non queixo escoitar a nosa voz, redacta un contradecreto para facer felices os tarugos de GB, esa panda de atrasadores e acomplexados.

As consecuencias serán moitas.

Pagarémolas nós, os galegofalantes. Sobre todo mais non só, tamén os castelanfalantes levarán a súa ración.

E agardo que o pague el, o Anxo Exterminador. Non merece nin que se lle dirixa a palabra. Que iso lle custe o que nos acaba de facer, iso é o mínimo.

Pagarémolo nós. Que futuro lle espera a unha lingua da cal o propio DXPL perpetra a súa redución no ensino, a cadea de transmisión que aínda funcionaba un chisco nas cidades, un chisco porque en lugar de o Anxo Exterminador preocuparse de que funcionara mellor…en lugar diso pois vai e alíase, escoita a voz dos inimigos do galego. Non falarlle é pouco.

Pagarano o alumnos. Todos. Que se xa non dominaban dúas linguas ao remate do ensino obrigatorio…pois xa me dirán que van facer con tres! Se hai desaxustes será por problemas pedagóxicos, non do decreto! Como docente que son, xa me gustatría agarrar polos colares a quen ousou dicir tal estupidez. Nin vai ter problemas o castelán, nin os vai ter o inglés; logo se o os hai será por culpa do galego, por culpa da nosa “problematica lingua”!

Pagarano tamén porque a equiparación das tres linguas é falsa. Unha delas perdeu, o galego. Falsa como o bico de Xudas. Comproben como no Diario Oficial do PP non resiten á contradición esclarecedora. Un equilibrio no que os pais poden escoller o predominio dunha sobre a outra. Vaia equilibrio mentirán!

Nos alumnos non pensa ninguén, agás algún docente e algúns pais. O resto, todos a sacar tallada sen importarse de burramia que implantan.

Que unha parte da sociedade percibiu imposición, foi a escusa do Anxo Exterminador. Carallo, unha parte ben máis grande foi a que esixiu na rúa que non se derogase o decreto, que non se atentase contra a lingua. Este si que é un contradecreto IMPOSTO, imposto polo partido que rachou unilateralmente o pacto lingüístico, eses que a que non lles agrada lle chaman imposición.

Fica aberta a veda contra o galego.

Agora toca a negociación, iso é o que me asusta. Consello e RAG. Con quen tiñan que falar é coa Mesa e cos colectivos que reaxiron contra este contradeceto. Eles son os que representan os usuarios, os falantes, os que nos doe o que vai pasar coa nosa lingua, os que cremos que é máis importante a lingua chea que o peto cheo, os cartos logo se van  e a lingua é para sempre…nada mellor lles podemos deixar a os nosos fillos.

Non todo está perdido, hai que seguir na loita aínda con máis empeño…e con máis mala hostia…amablemente intransixentes.

AMABLEMENTE INTRANSIXENTES

A presentación do contradecreto, con esa mudanza de lugar, lembroume cando, na Transfusión a democracia, Fraga visitaba Chantada. Sempre, sempre había cambios de emprazamento para o evento, para escapar do que a xente lle berraba, para que nin sequera houbera oportunidade de tal.

Supoño que o Anxo Exterminador ten extinta a facultade de pensar ( o contradecreto déronllo feito ) e non reparou no desprestixio que tal medida supón para unha lingua como o galego. Xa só falo do desprestixio a nivel da rúa. Antes tiñamos un inimigo, o castelán. Agoar temos oficilamente dous, que carallo vai importar o galego fronte a inglés e castelán?!…iso é o que vai pensar a xente da rúa.

Galego: lingua especilamente  desprotexida, mesmo a propia DXPL lle dá hostias, que se pode agardar?!

Non é verdade o poema: FOMOS FICANDO SÓS / O MAR, A LINGUA E MAIS NÓS

O poema di: O ANXO EXTERMINADOR DO PP DEIXOUNOS SÓS /AOS FALANTES DA LINGUA DE NÓS

Mala ventura teñan os que mal queren á nosa lingua, moi mala!

O poema di: NUNCA PERDE QUEN SEGUE LOITANDO!

Agora, para que non se poña en práctica, que non se cumpla como tampouco se cumpriu o que derogan.

Xa saben, a dieta decidirase por maioría, gazpacho e flamenco. Gustan? Se non gustan dá igual, é  o que hai e non veñan dicindo que é imposición, imposicióm era de antes de nós!

Eu, quedo co cocido e o alalá.