ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

iniciando a crise irredutible

Unha, máis outra vez, Galiza a salvar Castela, mira de que lle valeu ao BNG a Lei de Caixas, para que agora o PP pase del. O choio, e aí penso que están de acordo PP e PSOE, é que as caixas galegas salven as de fóra. Para iso valemos. E o xogo político, o malo, é que on queda en espectáculo circense para espazos de lecer. Non, o xogo político úsanos como protagonistas unha vez cada catro anos e despois pasamos a ingresar no patio de butacas para que aplaudamos ( se queremos, e se non: pois a calar a boca, que as cousas son serias!)

Ando a ler un dos mellores poemarios do ano pasado, que leva como título A crise irredutible, autoría de Alberte Momán. E o parágrafo inicial vén moi a conto. Porque ten lectura poética, claro que a ten aínda que o PP suspire por lecturas «exclusivas e non contaminadas». Exactamente igual que o feito de que o PP sexa un partido que promove a anticultura.

Na presentación editorial (achega-sobre-a-crise-irredutible1)

Fálase de tres fases.

A primeira: A verdade, nunca absoluta, sobre un país que creamos como unha cincenta marcada por unha feromonía que a corrompe, sempre dende a inocencia dos máis novos, integrada aínda nunha matriz coa que o tempo, nós mesmos a fomos arroupando.

A segunda:A mediados dun 2008 convulso, buscando unha maneira de expresar a dor por uns acontecementos que superaban toda a racionalidade e coherencia política da presuposta esquerda galega, xorde dun conflito laboral o Síndrome de Estocolmo, a segunda parte d’A crise. Outro tipo de renuncia, desta volta, a toda unha clase. As relacións imposibles como atrainte dun magnetismo insospeitado entre traballador e empresario.

A terceira: Nela, recóllese un compendio de todo o antedito, mais sen o intimismo propio doutras épocas, para recuncar na crise, nesa crise de anos que nos detivo no tempo, na involución subxacente ás nosas propias decisións como pobo, como traballadores e traballadoras, inmersos nunha globalización que serve de escusa para a eterna derrota, cun desexo asumido de ser como a
xente.

Como o estou lendo no computador, vou petiscando, terei que agardar ao luns para telo en papel. Nesa lectura petiscada obsérvase o transitar entre a expresión poética e a prosística. Se é poesía é porque o autor así o sente, malia que apareza en forma de prosa é perfectamente recoñecíbel o feito poético de base. Velaquí algúns petiscos:

Desposuír
o pensamento
como un parto
de materia
insubstancial

(É o primeiro poema, sitúa  o nivel de esixencia na abstracción, tamén a clareza, todo na concrección de catro versos coma un lóstrego)

…………………………………………

Introdución da cincenta feromónica
falamos de nós mesmos
coa sinxeleza dun adeus
repelidos pola forza das
nosas propias hormonas

( Velaí o segundo, a ratificar unha lectura prometedora)

…………………………………………….

digo basta
sen reconciliarme coa miña inhumana
condición
digo do silencio
ausencias
consumido neste tedio de horas

( Estamos iniciando a segunda parte. Nótese a expresión breve e contundente, a violencia instantánea do lóstrego, que posteriormente pode abrirse no xordo rumor que azouta o ar. O ar. Tamén hai ar no interior de nós)

………………………………….

a vida remata aquí
coas palabras
onde comezan as horas
de espera

(Segundo poema. Obsérvese, como no caso anterior a total imbricación do título no poema, no lóstrego, na violencia contida en catro  palabras: vida, remata, palabras, espera)

………………………………..

a resaca da dor
quen di catro décadas
di tamén
catrocentos anos
de derrota
e o valor
pragmático
de seguir camiñando

( Iniciando a terceira parte, esta descrición/análise onde as diacronías ( sin e dia ) acadana dimensión de condena, de certeza, de asunción, de determinación)

………………………………………..

boto en falta
sobre as páxinas
a pegada das mans
coa ferruxe
do traballo proletario

(Segundo poema da terceira parte. A reivindicación da ausencia dolorosa. Releo e non dou evitado pensar no cravo ardendo, no cravo de Rosalía. E iso disponme un estado hipnótico, do que non me é doado saír, porque non quero, onde recoñezo o valor das suores das que nace a relalidade que me pariu e na vivo como ser evolutivo, entre esas suores hai sangue de mortos e cansazo e lombos inclinados e miseria e grandeza….e tamén palabras que son suores, que son mortes, que son lombos doídos procurando verticalidades orgullosas, que son versos e memoria)

……………………………..

Con estas expectativas, quen se resiste á tentación da lectura completa?

Chuzame! A Facebook A Twitter

1 comentario

  1. X. M. Eyré. Cronoloxía sobre a Crise « A crise irredutible:

    [...] 20/02/2010.- Iniciando a Crise Irredutible [...]

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URI

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.

Olark Livehelp