sobre a condición humana e a soidade
A verdade é que me apetecía reflexioanar a redor deste artigo, tema moi de meu. Porén, circunstancias obríganme a dar un chimpo adiante e, en lugar de teoría, ofrecer práctica.
Terán vostedes ocasión de ler a crítica que de A crise irredutible envíe a A Nosa Terra, digamos que «a crítica convencional» aínda que loito constantemente por non ser convencionalista. Cómparena co que aquí leron e van ler do poemario de Alberte Momán. Que prosigo agora.
Titula, o autor, a segunda parte do poemario como A síndrome de Estocolmo.
Reúne poemas máis acusadamente tendentes á brevidade, non porque se acaden máis certezas senón como instrumento para provocar unha lectura epifánica, de xeito que o poema non remata na derradeira palabra do derradeiro verso senón na mente do lector, cómplice do autor na creación. A estratexia, á luz da temática que exporemos, non pode ser máis acaída. Claro que, en casos así, son as necesidades autoriais froito das súas peculiaridades as que case abrigan a que isto sexa así. Velaí, se queren, outra razón para falar de síndrome de Estocolmo.
Son poemas sobre a condición humana e a soidade. Neles atopei o que segue:
-que sendo poemas sobre a condición humana e a soidade, tamén o son sobre a escravitude á nada, ou sobre o contrasentido e o silencio
-que a soidade ben pode ser a de un mesmo polo feito de que os demais acaben sendo máis eu ca min mesmo.
-é dicir, a alienación de un mesmo
-prezo a pagar porque todos necesitamos sentirnos perto dos demais?
-en calquera caso, a inercia: o perigo ( lembran o río de que falamos na anotación anterior?, seguimos nel)
-nestas, será raro que se nos propoña un poema no que se fala do contraditorio dereito á submisión?
-e, máis, se o que está claro como a luz dos sol é que precisamos dos demais, nada é posíbel sen eles ( porque sen eles nin existimos, engado eu)
- e chega o poema sobre a síndrome de Estocolmo, unha síndrome que, a meu parecer despois de ler o poema, ten moito que ver co cravo cravado no corazón. A analoxía, cando mínimo é ben interesante, a atrevida
-na deriva (falando de navegar…), outro poema central ou a ideoloxía como produto mercantil, a non perduración dos bos sentimentos/momentos ou, outra vez ben ousado, o carpe diem do escravo
-na deriva…a renuncia que supón a gratitude da solidariedade
-na deriva tamén se chegará á fertilidade da solidariedade
-e o seu oposto, a soidade
-e outro oposto ( as ribeiras do río) correspondente, o a amor…e a cegueira que supón?
-ocasión propicia para preguntarnos: que queren os demais de nós?
-e pola atracción do bonito ( e da súa esterilidade )
-xusto antes, xusto antes do poema no que somos fillos da mesma derrota
-xusto antes de escapar da soidade, esa necesidade
-esa necesidade, como o movemento. E non confiar máis do debido nos intervalos de felicidade
-que o verbo amar tamén conxuga o substantivo inconsciencia, e na rúa debe habitar outro destino diferente
-aínda que os anos nos cercioren de que acariciamos a derrota no esmorecer, esperanza
-esa esperanza é o amor?, hai amor sen evasión?, ese amor evasión…oponse ao amor que é comuñón
-da bipolaridade, non estrañe chegar á multiplicidade humana, escenificada nun poema tripo e único ( non quixen pensar na simboloxía subxacente)
-carpe diem, outro, para loitar fronte á mínima expresión
-os preceres que agacha a non loita
-o medo, a fuxida
-a incoherencia do amor e a conduta
-e a prisión da dolor
-(desaparece o poema) fica expresión allea compartida
-fin do amor: o amor non só é sexo e depende do que os demais sexan quen de aceptar de nós
Non quero rematar esta segunda entrega sobre o poemario de Alberte Momán, sen e debuxar esta abstracción a partir da cal concretemos mellor a transmisión temática que a escrita nos ofrece:
Un triángulo: eu, os demais, o amor. Que se metamorfosea: eu, os demais, a loita política. E na metamorfose é un cadrado: eu, os demais, o amor, loita política. Porén iso equivalería a que amor e loita política non se identificaran sempre. Falta un elemento, tanto no triángulo como no cadrado: a soidade.
Mentira, falta outro elemento (tan camuflado dentro do eu, dentro dos demais, inclusive dentro do amor e da loita política): a desesperación.
Non hai comentarios
Aínda non hai comentarios.
Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URI
Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.