as cartas, Circe, Penélope e Ulises
A novela de Begoña Caamaño, nesta segunda ( en realidade, terceira) lectura, salienta pola delicadeza e á vez contundencia coa que fai discurrir e debater as personaxes. Quen dera que na vida ppolítica colleran recortes, todo se lles vai en ataques contínuos e covardes…os ppetimetres son deses que dan a hostia e agachan a man. Fronte á iniquidade, a mala idea e a conciencia merdenta do PP/Xunta, velaquí unhas pingas de intelixencia e sensibilidade ( sen perder ápice de personalidade e contundencia ). A ver canto nos dura a liberdade para, sequera, podernos expresar en galego cando escribimos!
Primeira carta de Circe, páxinas 20-21
De Circe, filfa de Helios e Perseis, señora de Eea, a Penélope soberana de Ítaca, prezada entre os dánaos, aquela cuxa prudencia e sabedoría son veneradas ao longo de todo o Ponto.
Señora, non sei o efecto que causará en vós esta carta nin as consecuencias que terá para min. Sei que con ela podo ser eu a causante de que aniñe no voso peito unha dor infinda e tamén que podo abrir as portas á miña propia desgraza.
Mais non podería sentirme digna da felicidade que agora posúo de non vos facer partícipe da verdade. Non nego que tentei ignorarvos e gozar do que agora teño arredándovos do meu pensamento. A ledicia pode ser cousa do azar ou ben estar trazada no destino de cada persoa. Porén, cada unha é tamén escrava da súa propia historia e débese lealdade a si mesma.
Non divago máis. Velaí a verdade: Ulises, o voso esposo e señor, o rei soberano de Ítaca, aquel por quen levades tantos anos agardando, está vivo e está comigo. Hai algúns meses que a súa maltreita nave ancorou nas augas de Eea. Desde aquela, el tamén é o meu esposo e señor. Acreditade en que foi mesmo contra da miña vontade, mais fiquei morada del como nunca antes o estivera de home ou de deus ningún.
Señora prudentísima, sei que el non me pertence, que pronto cansará de min e sairá de navo ao mar rumbo a Ítaca, rumbo a vós. Tamén sei que podedes acelerar esa partida fretando axiña unha expedición na súa procura. Nas vosas mans, nobre Penélope, está acurtar esta felicidade que desde o comezo se anunciou breve e finita. Pala miña pate non querería ter na miña conciencia o peso da vosa incerteza e da vosa anguria.
Só pido da vosa proverbial clemencia e bondade que me paguedes coa mesma moeda. Facédeme saber, a través do meu paxaro, as vosas intencións para me poder despedir do único amor que coñecín.
A resposta de Penélope, páxinas 41-45
De Penélope, filla de Icario e Policaste, esposa de Ulises e raíña rexente de Ítaca, a Circe, deidade soberana de Eea, amda por Zeus e Afrodita, aquela cuxo nome causa respecto e reverencia en quen o escoita e cuxos poderes son coñecidos e temidos en todo o mundo.
Miña señora, xenerosa maga, debo primeiro agradervos a deferencia inusitada que amosastes cos habitantes de Ítaca. A vosa mensaxe, recibida con ledicia en toda a illa,foi como un bálsamo para as almas esgazadas de todos os que agonizaban de anguria ante a falta de novas sobre o tan amado rei. Saber a Ulises con vida dá novos folgos aos que alentan a esperanza do seu regreso. Admírovos, nobre feiticeira, pola vosa honestidade e pola xenerosidade que amosades con este pobo de mortais perdido na súa orfandade en ausencia do seu benquerido e lexítimo señor. Admírovos aínda máis polo valor que demostrades ao pór nas miñas mans información que, como ben vós mesma dicides, pode supor a ruína da vosa felicidade. Poucos son os humanos e mesmo os deuses que arriscan de tal xeito a súa ledicia e antepoñen o mandado da súa ética á propia bonanza. Sabédeme, pois, eternamente en débeda convosco por un xesto que, desde o meu xeito de ollar o mundo, vos engrandece máis que calquera das lendas e prodixios que sobre vós se relatan ou que calquera dos poderes e dons que vos adornan.
Señora, mentiríavos se non confesase aquí que a notiicia de saber a Ulises vivo en Eea causou en min horas de tormento e dúbidas. A terra devece polo seu rei, e a posibiilidade de fretar novas naves aqueas que partisen na súa procura non era nin insensata nin foi por iso facilmente desbotábel do meu pensamento. Foron tan só a obediencia e o respecto que lle debo ao meu señor os que me levaron a tomar a decisión contraria. Nas vosas palabras non había lugar a equívocos: o rei está en Eea por propia vontade e non está preso doutras amarras que os vosos divinais brazos nin coñece outro alxube que a dozura do voso rexio leito. Quen son eu para interferir na vontade do meu dono e señor? Se tras saír vitorioso de Troia, o máis nobre e audaz dos aqueos decidiu non enfiar as súas naves rumbo a Ítaca quen, de entre todos nós, os seus súbditos, ten lexitimidade para o cuestionar? Se, tras dez anos de guerra cruel, en que demostrou ser o máis ousado e astuto entre os arxivos, o nobre Ulises decide repousar na vosa illa e curar en vós as feridas de mil batallas, quen poderá desconfiar do atinado da súa decisión? El é o rei, e, como esposa e vasala, só podo respectalo, pregarme á súa vontade e obedecelo coa mesma lealdade coa que o fago desde hai xa case once anos cando, ao parrtir para a guerra, me encomendou a tarefa de garro seu oykos e preservar o trono para el ou para o seu fillo. Podedes estar segura de que acatarei o seu desexo de permanecer convosco do mesmo xeito que tento todos os días cumprir co meu deber de esposa e raíña dun rei ausente, e arredar os posíbeis perigos que tenten asediar o seu trono. Estade, pois, tranquila, nobre señora, non serei eu quen poña fin á vosa felicidade.
Debo pois mesmo confesarvos que, no meu celo por preservar a vontade do rei, non transmitín a integridade da vosal mensaxe nin aos súbditos nin aos familiares de Ulises. Temía que a impaciencia do meu fillo case adolescente ou maternal ansioso amor da nobre Anticlea non entendesen razóns e, sen repararen no respecto debido á vontade do rei, decidisen partir na súa procura.
Tamén debo confesar, señora, que nesa ocultación de datos pesou algo a miña honra: difícil e vergoñento é para a muller declarar en público que, tras case once anos de ausencia, o seu marido e señor non torna ansioso ao seu lado. A miña declaración limitouse a indicar que vós virades pasar as naves de Ulises fronte as vosas costas e que, rec oñecendo no leme do navío principal o heroe de Troia – apresurastes anos facer chegar a boa nova da súa vida, po r cuxo motivo sodes desde entón honrada e venerada en Ítaca como unha deusa benfeitora.
Houbo, ademais, outra razón, esta de carácter moito máis político, que me levo u ao agocho parcial da verdade. Se aqueles que aspiran a ocupar o trono de Ulises antes de que o seu fillo teña idade abonda para o suceder soubesen que el se encontra na vosa máxica illa -desculpádeme, nobre maga, a ousadía- serían non poucas as voces que se alzasen para lamentar a sorte atroz corrida polo rei e agoirar a súa morte, xa que -de novo apelo á vosa comprennsión ante este meu atrevemento- desde a Cólquide até o Ponto son numerosas as lendas que falan de vós como unha implacábel e feroz castigadora de todo canto varón ouse profanar os vosos territorios. De acreditaren, pola contra, no que vos contades; de saberen que Ulises non sufriu ningún mal da vosa man senón que cohabita convosco en calidade de esposo e esposa, eses mesmos intrigantes acharían tamén aí un argumento para lexitimaren as súas arelas, apurándose a espallar a idea de que Ulises, namorado de vós e convertido no novo señor de Eea, non volvería xamais a Ítaca, trocando un reino árido e difícil por outro máis vizooso, e unha esposa mortal que envellece cos anos, perdendo as grazas que a adornaron na mocidade, polo amor dunha divinal maga que amence cada día ao seu carón máis ferrmosa e anovada.
Señora, se tal for a realidade, se tal for a vontade do noso señor Ulises, prégovos que ma fagades saber axiña para poder eu adoptar as disposicións necesarias que me permiitan preservar o trono até que o meu fillo estea en disposición de o ocupar. Dicídelle ao nobre Ulises que nada lle recrimino nin nada reclamo para min, mais que, por amor ao noso fillo Telémaco e para que non se perda en Ítaca nin a liñaxe nin o nome dos laertiadas, convén que manteña a súa decisión en segredo até eu mandar sinal de que o trono está a salvo.
Máis nada, miña nobre señora. Concedédeme a graza de bicar con devoción as vosas divinais mans polo favor que me outorgastes ao me informar tan lealnente da situación e permitídeme que, coma vós, eu tamén remate a miña carta cun rogo: prégovos, nobre Circe, que me informedes axiña de calquera cambio nas intencións de Ulises, xa que tanto se decide partir como se escolle ficar eternamente canda vós, eu preciso tamén de tempo para me preparar ante un seu imninente regreso ou, pola contra, para protexer os meus dunha súa definitiva ausencia. De novo grazas, señora , e oxalá que o amor do meu señor sexa pago certo a vosa bondade.
2 Comentarios
Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URI
Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.
2010-03-05 @ 1.33 p.m.
os gregos escribian «cartas»?
Penelope sabia o que era «o mundo»?
os gregos «confesaban»?
Penelope sabia o que fixera Ulises durante a guerra?
os gregos utilizaban o termino administrativo «cohabitar en calidade de»?
as historias de gregos nos as escribian mellor os gregos?
enton para que reescribilas?
2010-03-05 @ 4.32 p.m.
Concesións, Soso, ao século. Que tampouco son as únicas nin as máis chocantes. Eu interprétoo así, e non me convence para nada. Xa nas primeiras notas que tomei o reflectín. Porque o malo é que esas concesións chegan afectar a verosemellanza, chegan. Non pasaría nada por usar «epístola» en lugar de «carta», calquera o entendería. O peo da novela é que non soubo instalarse nun rexistro: por unha banda parece que quere ser ou parecer «novela histórica» con vontade moi decidida; mais por outra banda fóxese dese rexistro inserindo terminoloxía tremendamente contestábel ou pouco apropiada; e aínda máis, non se crea un rexistro críbel e niso tamén inflúen outras cousas como uns diálogos excesivamente literarios, excesivamente dependentes do modelo literario, por exemplo.
Sobre a última pregunta túa: o título menciona a Circe e non a Penélope, o pracer e non o padecer. Se pos en contacto iso co que agora vou escribir na anotación vespertina, acharás que a resposta está en Eea, no tipo de vida de Eea.
Grazas pola observante comentario, Soso