ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

as simpatías do odio

Filed under: EDUCACIÓN, ENSINO, ESAS COUSAS,POLÍTICA, SOCIEDADE, CULTURA — 15 Marzo 2010 @ 11:24 a.m.

Como non podía ser doutra maneira, falaremos do decretazo señorito.

O primeiro, non se coñece aínda o famoso decretazo señorito senón un avance das liñas xerais. Por non faltar á palabra, foi a presentación. Que do resto, nas hostes ppetimétricas as augas baixan fervendo. E de aí nace unha miña preocupación: parece ser que no PP só se fan oír os do sector duro, os féridos e escuros; porén, no PP, cónstame, tamén hai xente cos pés na terra, e que non se fagan oír resulta francamente preocupante. Iso é unha baza que  os media usan con moita renartería. E que se fagan oír de xeito coordinado, non como “voces discrepantes e esporádicas”. Xógase moito o PP, nisto, moito: nada menos que a coartada galeguista lle sexa críbel de aquí en diante, ser un partido críbel e de futuro ou un remedo ideolóxico de funestos tempos idos.

E todo porque un líder ( insensato, chulesco, acomplexado, e carente de ideas) lle deu por rebuscar 30.000 votos entere a camada social  máis intransixente e menos demócrata. Por riba saíulle ben e agora non ten o que hai que ter para saír do sarillo. Se tivera un par mandaríaos “fritir espárragos” á “lua de Valencia”, demostrando que ten ten o temón é el, que para iso é o presi. Pola contra compórtase como un porteiro de discoteca ( con todo  o cariño que merecen estes), demostrando ser refén primeiro da súa présa por ser presi, despois dunha estratexia electoral efectiva, si, mais lodenta. Que non dá unha a dereitas, leva un ano de presi e  o único que pasou foi o tempo, máis paro, menos emprego, máis Galiza vendida, ataque contundente á lingua e do resto…

Neste contexto que estamos, non só me comeza a preocupar seriamente que só se escoiten as voces intransixentes no PP. Tamén me preocupan, e moito, moitísimo, as voces que reclaman armisticio, porque un armisticio nestas condicións é unha derrota. Unha derrota ignominiosa. A mans da incultura, da indecencia, dos acomplexados, dos antigalegos. Porque non esquezan que todo o lío comezou porque catro negados se repuxeron contra iso de ter que estudar en galego, atoparon a cobertura dun par de profesoretes que antes quixeran ser alguén no mundo próximo ao nacionalismo, que os catou ben catados e os rexeitou. Toda a perrencha de GB vén de aí. Non doutra cousa. Deses catro negados, con chalé no máis exclusivo vigués. Que eses catro burros lograran tanto rebumbio, é un insulto á razón, á cordura e á cultura. A min ensináronme mates en castelán, que non era a miña lingua, e como as mates todas as materias, e aquí lles estou. E coma min a tantos, tantos que loitamos pola dignificación do galego, e hoxe a sociedade é un chisco máis culta, máis consciente, e algo terá que ver a nosa loita.

A única solución é a retirada do decreto señorito. Un decreto que este si que é pura imposición, non o de antes…para o que si houbo consenso e do que se desmarcou o PP…caprichosamente. Un decreto tan feito co cu que parece de risa: consultar os pais cada catro anos non garante que cando matricules o teu fillo van estudar na lingua que ti lles esolleches…senón na que escolleron os outros pais anos antes.

Un decreto parido no paritorio dun conselleiro que do único que entende é de esixir a raia do pantalón ben pasada, rir nas fotos, traxar impeábel…mais que do resto nin papa… Un conselleiro tan papanatas, tan burranzán, que mete a gamba de contino e nunca na pota que coce. Miren a última: O problema do galego non é a falta de coñecemento, senón a falta de uso. Hostiá, por iso vas ti e limitas o seu uso! Non, ho, o problema do galego é ter conselleiros papanatas coma ti, ppetimetres dunha soberbia incultura, amorais e socialmente nocivos. Iso, e un presi Atrasador, aínda máis burranzán que os seus conselleiros, até tal extremo de non saber porque as vacas levan sempre nome en feminino!

Velaí o problema de arrimarse ás simpatías do odio.

1 comentario

  1. Galizauberalles » Arquivo do blogue » A hora da verdade:

    […] Porén o final decidin centrarme so nos seguintes:  o de Fermin Bouza, o de Anton Baamonde,e o de Ferradura en transito. Desde o noso lado e desde o outro nas palabras do Ponselleiro, do martir, e da señora […]

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.