explotación infantil e educación en galego
A ver, se se atopa un rapaz de, poñamos 14 anos, traballando nun taller, nunha fábrica, ou por aí, fálase e denúnciase e condénase como caso de explotación infantil. É usar os rapaces. Claro que o é. Xusto cando máis importante é a súa formación, unha formación que lles permita mellorar a súa vida.
Non me pasou hoxe, mais si onte. Entrar nunha aula de alumnos desmotivadados para o estudo. Todos están alí forzados, polo sistema, polos pais. E o meu non é nin moito menos o peor caso. Pé da súa aula hai outra con alumnos aínda máis conflitivos. Bos rapaces e boas rapaces, bos proxectos de boas persoas, nun teño dúbida, ningunha. Que non queren estudar, nin lle ven aplicación ao que estudan nin tampouco necesidade. mais teñen que estar alí, forzados. Cando estarían moito mellor na casa, os preguizáns, que os hai. Cando estarían moito máis contentos traballando ( do que fora, nun taller, de camareiros, no agro ) e a iso eles non se ían negar senón que o farían de boa gana porque a iso si lle ven «rendibilidade económica e social». E non, teñen que estar alí, forzados. Nesa situación fan o que sexa para que os boten da aula, para que os expulsen. Onte, por exemplo, falábase dun alumno que pasaba o tempo desenchufando cousas, só para iso, para que o botaran. E menos mal que son bos rapaces e non se poñen agresivos cos profesores…
E, penso eu, no caso de alumnos que non queren estudar, obrigalos a estar na aula (tantos anos, ademais), non é iso outro caso de explotación infantil, tanto como a outra pretende uns fins espúreos para os cales eles non se queren prestar. Peor inclusive que a outra, que en moitos casos si se prestan ( eu non o defendo, mais resulta obvio que así é),
Fálase agora do pacto pola educación, outro día comentarei sobre iso, que en realidade só é outro niño de hipocrisísas.
Ocórreseme outra, á luz do decretazo señorito dos ppetiemtres xunteiros. Levo 22 anos na docencia. Neses 22 anos impartin en tres da catro provincias, e só un alumno se me queixou por «ter que estudar en galego», só souben dese caso. Entón pregúntome cantos alumnos se queixaron na Galiza para que o PP adopte esas medidas do decretazo señorito? Xa que lles gustan tanto as consultas…a quen lle preguntaron? GB é unha formación minoritaria, non representa case nada no conxunto da vida educativa galega, e tamén a única á que o PP feixoano lle fai caso, pasando por riba da RAG e do Consello da Cultura?
Non é este outro caso de explotación infantil?
Eu acuso.
Non hai comentarios
Aínda non hai comentarios.
Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URI
Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.