ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

Cunqueiro Uribe, noticias da viaxe imaxinaria/adianto da crítica

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 19 Marzo 2011 @ 11:23 a.m.

Xa llelo anunciaba onte e vou completalo agora. Son moitos, moitos, os autores que teñen contado historias grandes a base de historias pequenas. Non paga apena nin facer reconto dos máis senlleiros, a non ser para reivindicar e poñer en valor a importancia do pequeno dentro do grande…desde Homero a hoxe, pasando pola Biblia.

Lendo a Kirmen Uribe non me quedou outra que lembrar a Cunqueiro, elegante e sensíbel narrador do cotián e do marabilloso/fantástico en toda a súa obra. Non só a el, tamén a Fole, máis apegado ao real desde o que potenciaba o misterioso (e, se cadra, marabilloso). En definitiva non pode un deixar de lembrar os grandes narradores de historias pequenas, na súa xusta dimensión, sen esquecer, por suposto o mesmo Bernardo Atxaga. Nin, tamén por suposto,  a última de Marilar Aleixandre: O coitelo en novembro.

E podo, xa, certificar de onde nace o tirón que me entra lendo agora Kirmen Uribe ( como no seu tempo a Obabakoak de Atxaga), que non é doutro lugar senón desas historias pequenas. Esas historias pequenas permiten ao autor unha variedade de rexistros intencionais que volven a obra estupendamente polisémica, e tamén permite tocar a emoción do lector desde múltiples xeografías temáticas. Sendo, ademais, que esas emocións multiplican o seu valor segundo unhas se van sumando a outras, de xeito e maneira que esta segunda sobredimensión potencia, á súa vez, a primeira…e non queda outro remedio que cualificar o resultado como engaiolante.

Engaiolante por que así non mentimos, xa que debaixo dese cualificador en realidade agachamos unha realidade poliédrica sobre a que nos resulta certamente complicado establecer priorizacións ou salientar unha cousa sobre outra. Porque toda individualización é mentireira, inxusta

Unha cousiña, nunha obra así non hai lugar a esmorecementos narradores. Para que fucione hai que evitar que o ánimo do lector decaia, e para iso débese manter sempre o nivel narrativo ou aínda perfeccionalo. Aspecto este moi importante.

Concretamente, Kirmen Uribe, nesta viaxe entre o fantástico (ficticio) e o real parte desde posicións máis próximas ao real, explora desde o real, mentres Cunqueiro partía desde o ficticio, partía da ficción e creaba outra realidade ficcional na tentativa de explicar(se) e entender o real. A viaxe máis económica que  o home pode imaxinar, absolutamente de balde. O cinema e adláteres non son máis que sucedáneos do que a nosa mente é capaz de argallar. A viaxe máis económica e tamén a máis produtiva e engaiolante.

1 comentario

  1. Crítica de Xosé Manuel Eyré en A Nosa Terra sobre novela «Bilbao-New York-Bilbao», de Kirmen Uribe | Xerais:

    […] Gremio de Libreiros de Euskadi 2009.A maiores, nos últimos días, X. M. Eyré realizou no seu blog algunhas anotacións sobre a lectura da novela. Reproducímos a continuación a recensión de A Nosa […]

Feed RSS para comentarios deste artigo.

O formulario do comentario está pechado neste momento.