ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crónica de San Simón e dos Premios Xerais ou porque choveu onte tanto

Que era non parar. Xa pola mañá en Compostela, non deu un respiro. E, pola tarde, despois do xantar, tampouco quería afrouxar mentres viaxaba cara a San Adrían de Cobres ( Santadrán), onde embarcamos para San Simón.

Direilles que a Festa dos  Xerais deste ano me resultou especialmente emotiva, aínda que se cadra non debera. Especialmente emotiva.

A primeira palabra devagar tívena con Quique Costas, don Henrique Costas, platicamos do que Galiza lle debe a don Agustín Fernández Paz, quen, ese mesmo día pola mañá, recibira o Losada Diéguez, e non puido estar na festa de San Simón. Antes de que a conversa derivara uniúsenos Anxo, don Anxo Angueira, recente rector dos destinos da Casa de Rosalía ( que mellores mans, corazón, e palabras!) a que xa saudara antes de embarcar, e lle preguntara polas fontes de tanto afogamento e naufraxio da súa novela. Mais non quero perder o fío, como tampouco quero perder a Homenaxe Nacional a Agustín Fernández Paz deste 30 de xuño. Vénme moi mal o día, moi mal. Porén non vou faltar, así caian pedras do ceo.

Tiven tamén confirmación de que este ano se celebrará, no marco do de Festival de Ribadavia, unha xornada de crítica teatral. Outra estupenda noticia, estupenda. Non podería haber mellor marco, non.

O acto en si, baixo a babuxa incesante, decorreu con menos afogantía que cando cae o sol a pleno. Animado pola arroutada carnocha de Xurxo Souto, a pedir que rebentaran os peitos cantando o “Berbés”, para rematar “Como un irmau che falo” de Celso Emilio. Acto no que actuou como mantedora Marilar Aleixandre, quen fixo un percorrido por diversas obras e autores para rematar reclamando, convocando, a ler e escribir libros que prendan lume.

Xa por iso tiña que chover, mais non só por iso.

Xa por iso tiña que chover, dalgunha maneira había que aplacar tanto lume  ferver nos peitos. Lume de coraxe, de indignación e de amor. Lume de coraxe e de indignación, porque non é para menos, agora a Xunta, nin sequera quere pagar o que lles debe ás editoriais de exercicios anteriores…Non, se aínda habemos ter que pagar por existir, por sermos galegos e non renunciar a selo. Si, ser galego e exercer de tal élles un luxo!

Por certo, os premiados. No Merlín, Marcos Calveiro. No Xerais, un caso insólito, pai e filla. EL, Manuel Lourenzo Baleirón, irmán de Eusebio Lorenzo Baleirón, meu compañeiro de estudos composteláns, alma que vivía poesía e escribía poesía. Ela, sobriña de Eusebio. Non cabe dúbida, córrelles polas veas sangue de letras, a necesidade da palabra no seu sitio, a beleza evocada no presente como camiño para o futuro. Parabéns, moitos parabéns aos tres, meus.

Obviamente tiven oportunidade de platicar con máis xente, sen profundizar moito que a ocasión non  se prestaba. Mais houbo algo que me descolcou un tanto. Nestes actos un aproveita para apredender dos demais, pasalo ben e encher as pilas. Porén, desta vez, quen exerceu de fonte de información, en varios casos fun eu…Que vello vai un!

Lembro tamén unhas palabras de XM Beiras, cando rematou o acto de entrega e saiu para fóra: “Teño ganas de dar hostias”.

E, se el non se resigna, eu, que son máis novo, non me vou queixar de canseira.

Si, que se alguén mandou que chovera para afogar tanto lume, tanto lume indignado, saiulle torta a sabotaxe. Moi torta. Os galegos sabémolo ben: nunca choveu que nunca escampara, e se fai falta abrimos os paraugas, xa chegará tempo de pechalos e darlles outro uso!

 

 

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.