ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

actualización da definición de crítica

Filed under: Sen clasificar — 20 Setembro 2012 @ 5:12 p.m.

Boto unha ollada á definición diccionarial de crítica. E atopo esta, no Estraviz, que sendo crítico literario, inclusive me sorprende por canto o aspecto literario está moi presente, moito máis ca no RAE.

Ora ben, imos recoller a acepción número 12 do da RAE, porque me subleva, e nesta vida estamos medio perdidos se non atopamos cousas que nos subleven.

De seguro que aínda é moita xente a que cre a crítica é iso: un proceso de censura. E hoxe, aquí, na Galiza, estou por asegurar que non hai nin un crítico nin unha crítica literarios que se sinta á vontade nesa definición.Inclusive me sinto con valor suficiente como para estender o dito aos criticos e críticas de Catalunya e Euskadi. Xa non me sinto tan autorizado no resto do estado, aínda que sospeito que unha grande maioría concordaría con este humilde opinante.

Porque, verán, @s crítc@s sentímonos parte do proceso creador.

Parte do proceso creador? Como se a obra está xa rematada?

Primeiro: considerar que está rematada a obra cando o autor a asina, é algo xa moi anticuado. A vida do libro segue, acaba de comezar, e nesa vida ten moito que dicir a crítica. Segundo: sentímonos parte no proceso creador porque  a crítica sobre o libro 1 pode e debe afectar ao libro 2 mediante as achegas feitas nesa crítica do libro 1.

Somos parte do proceso creador, humilde mais de necesidade non negociábel, e, inmersos nese proceso creador somos, ou polo menos debriamos selo todos, conscientes de que participamos no proceso de construción, permanente, da sociedade. Dunha sociedade moi concreta, a de nós. A que entre todos engrandecemos, cadaquén desde as súas letras ( De non ser así, nalgún caso…pequena é a utilidade de quen só se serve a si mesmo)

Estes son os horizontes da crítica que eu escribo, que eu fago. Outros non lle quero nin creo que a crítica mereza.


 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.