ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

sobre INDETERMINACIÓNS e EXTREMISMOS

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 18 Outubro 2012 @ 6:06 p.m.

Non, non son boas a indeterminacións, non é bon non saber con quen falas, non é bon  non saber quen tes á túa beira.

Non é bon, recoñézoo. A min pásame, cando non teño un título planificado para ler determinada semana…remato por facer dúas ou tres lecturas. Xa me aconteceu a semana pasada, comecei cos contos de Pere Tobaruela ( Eu son Deus e outros contos) e rematei co de Ledicia Costas (O corazón de Xúpiter). E estame pasando nesta, onde leo as Indeterminacións (Carlos Lema) e xa teño encetadas As voces baixas de Manuel Rivas.

Son moi vezadizo. É o que me pasa. Non é que non me decida, que non me determine. É que son extremista, segundo as satrapías do Poder do Petimetres. Porque cando me falan escoito. Escoito e despois enfádome, ou dou un bico e/ou sigo o meu camiño. Non calo, porque creo no diálogo, no diálogo como forma de relación humana, como intrumento para a relación humana e tamén como fonte de coñecimento. É o que me pasa, que son extremista, porque escoito/leo e contesto. Se non contestara, se non contestara non habería problema: non existiría. Enténdeseme?

Carlos Lema é, desde que o coñezo e xa van uns aniños, un home preocupado polo discurso literario, polos recovecos, as revoltas e as longa chairas da palabra impresa, dos camiños da literatura. Afeito a pensar, para si mesmo e para os demais sobre esencias literarias, esencias artísticas. E hoxe o mundo literario é tan grande, tan amplo, tan rico, tan imbricado, tan refeito e desfeito…

Manuel Rivas, é desde sempre que eu coñeza e máis nas últimas décadas, un home preocupado pola transmisión do pensamento, da historia, da rebeldía. E pola proximidade, pola solidariedade, coa xente, coa xente que traballa, coa épica da xente humilde, os que fan país porque non lles é natural non o faceren. Pensamento, historia, rebeldía, agochados como forma de vida contraposta á oficialidade imperante; obrigados a se transmitir camuflados, inseridos, nas cousas, nas enrugas, no lapis, nas deformacións das mans, nos ollos chorosos ou na repichoca orgullosa.

Como decidirse? Como renunciar?

Seguirei sendo un extremista, non me é condena senón beizón.

Práceme ser extremista, práceme e comprázome nos extremismos.

Se non procuras a periferia, o extremo, nun sairás do embigo, nunca progresarás.

Os extremistas, por certo, sabemos ben a quen vota e a quen on votar este domingo.

E ti, es extremista?

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.