ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

primeiro contacto con As voces baixas

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 24 Outubro 2012 @ 5:54 p.m.

Xa aviso: primeiro contacto, si, mais no primeiro contacto devorei a metade da novela. Aínda sabendo que a mina obriga como crítico é ir tomando notas segundo vou lendo, entra tan tan dentro esta As voces baixas que o único en que pensaba era en pasar páxinas. É só desde esta mañá que me impuxen a tarefa de recopilar, relendo, as sensacións que se me foran pousando dentro.

Algunhas delas son as que aquí quero deixar agora.

Por exemplo. Unha das cousas máis difíciles na narrativa é o emprego do adxectivo, igual que unha das primeiras leccións que recibe un aspirante a escritor consiste en eliminar adxectivos inútiles ( é dicir, tachar), pois ben o de Manuel Rivas en As voces baixas é todo un curso de mestrado no uso do adxectivo. Non só non atopei ningún supérfluo ou eliminábel senón boa parte do atractivo da súa escrita nesta novela redica na mestría con que os selecciona e emprega. Como, por exemplo: “O vento espallaba o pole, mais tamén unha peste futurista” (99). Se abusar, con precisión  e pertinencias poéticas. De cando en vez sacódente coma lóstregos de focos na noite. Ou a través manifestado o operarivo cualificador desde a atribución, con igual fin e con igual pericia. Vexamos outro exemplo: “como unha revolución óptica naquela época de loito téxtil” (107).

E isto é só a cabeza do iceberg. Alén diso aínda está outro territorio explorado e conquistado: a propia natureza do discurso, da novela. Entre evocación (do pasado, da historia e das historias, do seu valor e marabilla) e a creación (presente de cara ao futuro), entre elas o discurso, a novela, o texto, unha biografía individual que ilustra unha historia colectiva (construída entre a historia e as historias que agacha, desde elas e en virtude delas, como testemuña orgullosa, fascinada e fascinante, dunha épica (tremendamente literaria) do valor desapercibido das cousas e xentes humildes, o auténtico motor da vida.

Manuel Rivas chega tanto aos lectores porque lles devolve, porque lles humaniza e paso do tempo facéndoos sentir partícipes da marabilla de vivir, da marabilla importante das xentes anónimas. Sen esquecer nunca a conflitividade laboral, social, cultural e política. É moito, e moi grade, o humanismo de  Manuel Rivas, merecente dun estudo ben pormenorizado. E, para desmentir a Sloterdij, na desmobilizante senón todo o contrario.

1 comentario

  1. aprofa:

    Que ganas!

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.