ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

o valor dunha cultura, desde un feito cotián

Filed under: Sen clasificar — 31 Outubro 2012 @ 7:04 p.m.

Amenceume hoxe o día murcho, debaixo dunha mesta manta en xeito de néboa teimuda, desanimándome de pasar pola piscina e así comezar o día repleto de endorfinas, porén se onte tiña a caldeira unha peza rota e a auga saía fría…hoxe pola mañá non ía estar arranxada. Ese tempo antes de marchar traballar empregueino en finiquitar algunhas cousas inconclusas na véspera. E despois metinme no coche e fun furando enriba da cobra de asfalto, xa con grandes folerpas de claridade. Até Escairón, depois todo foi un túnel cinsento sen ceo nin horiznte.

O traballo, o contacto cos alumnos adoita encherme o peito. Desta vez, e malia ser un grupo no que sempre me sinto moi ben, malia haber tempo para o sorriso, malia demostaren un nivel bastante aceptábel a estas alturas do curso que me fai concibir moitas esperanzas…nin así.

Xa na xas, despois de xantar, acendín a caixa das figuriñas animadas. Tampouco, e por riba adormeceume.

O peor veu despois. Nestas circunstancias boto man da biblioteca. A inercia levou as miñas mans ao Don Juan o la fuerza del sino. Sentín a frialdade do papel portante coma unha proxección infernal. O televisor continuaba aceso e trasladoume aqueles tempos onde todos os anos unha representación súa era a marca do día, a marca do día como de calquera dos outros días do almanaque golpista, do almanaque franquista, do almanaque ditador.

Entón devolvino ao seu lugar. Un pouco máis adiante, As crónicas do sochantre ofrecéronse para ocuparme as mans e a mente. E accedín de boa gana. Mais non o relín. Sentei e agarráronseme  ao señor sochantre de Pontivy as reflexións que me tiraron da atonía. A igrexa católica moito mal ten feito, encheunos a vida de loito e carpideiras, esixiunos vivir estes días desde a semipenumbra da lembranza dos seres queridos cando a min rebórdame o orgullo e a alegría por ter partillado con eles, con eles e o seu maxisterio vital, un bocado dos días que hei vivir. Non. Antes, na barbarie, no tempo dos bárbaros, este era un día moito máis civilizado, menos dramático, máis humano.

Por suposto que nin collín camiño do cemiterio nin me ocupei de apañar flores exvóticas. Segue o día tuneado de nubes baixas e temperatura desagradábel, si, mais o meu corazón arde e non hai frío que o cale. A ver, non teño dúbidas de que a miña é unha cultura celta, por moito que a queiran vestir de mediterraneísmo colonizador. E na cultura celta o Samaín non é só o inicio do inverno senón que con el comeza tamén o Aninovo. Samaín é a festa de Cailleach, da deusa que dá orixe á palabra Galiza, a deusa que nace vella e vai anovando, vai rexuvenecedo segundo os días pasan. Pois así sexa e que queden os tristeiros entre curas, frades e militares…eu son galego!

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.