ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

o mal do leite/ou o valor do nome das vacas

Filed under: POLÍTICA, SOCIEDADE, CULTURA — 27 Novembro 2012 @ 7:33 p.m.

 A miña familia foi productora, toda. Hoxe creo que só queda un membro que siga sendo productor. Eu mesmo me lembro estudante do BUP a facer follas voandeiras sobre o conflito do leite, este mesmo conflito que agora leva a que os gandeiros non entreguen o leite. E xa choveu para que o problema siga sendo exactamente o mesmo que daquela que eu iniciaba a miña pertenza aos Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA).

Porque o auténtico problema do leite, o auténtico mal do leite é o PP, ese partido que non fixo absolutamente nada en todos os anos que gobernou. Perdón, si fixo algo: incentivar o abandono do campo, o abandono dos produtores. Porque, que este é un mundo de alianzas, as do PP nunca estiveron dos produtores e si co mundo empresarial que afoga os produtores, desde os dos pensos ás propias comercializadoras e transformadoras. Nunca moveu un dedo polos gandeiros, absolutamente nunca.

A razón? Pois é ben sinxela, aínda que os productores, tantas veces, non a queiran ver: o PP despreza a esas xentes pegadas á terra e ás vacas, son para eles símbolos de atraso. E ese desprezo é pedra basilar da súa ideoloxía citadina e señorita. Non hai máis que lembrar que o propio Feixó non sabe porque as vacas levan sempre nome de muller. Que se pode agardar de alguén así, que ten que resolver o problema do leite mal a gusto?

Pois pódese agardar que Rosa Quintana diga e repita que se trata dun problema estrutura, é dicir que volva votar a culpa ao minifundismo ( repetidamente, sen descanso) cando ese non é o problema. Sen el, sen o minifundismo non dariamos chegado a onde estamos, así de claro. Porén, claro e  outra vez máis, non se pode pedir a esta xente que entenda que a solución pasa polo cooperativismo. Non se pode pedir. Por algo fixeron o repato eólico que fixeron, polo medo que lles daba que cooperativas de gandeiros controlaran e se beneficiaran de parte do pastel, como ían estar os gandeiros á par de grandes nomes industriais foráneos?, cando se viu cousa igual?

O único agardábel é que a folga poña Madrid de xeonllos, os produtores galegos seguen producindo a meirande cantidade do Estado e España non se pode pemitir o luxo de prescindir dela e deles. Aínda que a bon seguro nas cidades pensan de maneira  moi similar ao PP, que os gandeiros son símbolo de atraso e por iso merecen estar como están, porque ten que haber algún símbolo que lles lembre a eles, urbanitas, que o paso que deron desenraizándose foi unha fuxida cara adiante, foi algo positivo aínda que a mellora económica non fora precisamente espectacular... E quen sementou ese estado de opinión, todos estes prexuízos? Pois o PP. Que se pode agardar?

2 Comments

  1. Paulaw:

    Cando comece a faltar o leite polo paro a ver se deixan de ver as vacas como atraso. apertas

  2. xmeyre:

    Non creo que iso mude nada, é un prexuíxo moi enraizado. En todo caso tragarán porque non lles queda outra. Porén o máis triste e que estou moi convencido do que escribín, totalmente. Desde hai moito tempo, e por máis anos que pasan nada me convida a pensar outra cousa…
    Beizón polo comentario, paulaw.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.