ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

as marabillas do mundo a redor de Manuel Rivas

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 3 Decembro 2012 @ 1:57 p.m.
Título: As voces baixas
Autor: Manuel Rivas
Editorial: Xerais
É, a nova novela de Manuel Rivas, unha obra de madurez, non porque se escriba desde a idade onde a experiencia é de cabelos albos, senón porque representa unha madureza formal que é o vértice, o eixo que fai posíbel que a redor del xire todo o mundo narrado. Hai que reparar e meditar esta simbiose dupla, moi ousada mais para nós innegábel, que a forma, a propia maneira de escribir do autor (maniestada na predominancia dun estilo narrativo e dunha perspectiva constantes) non é unicamente un recurso literario senón que semella traspasar a fronteira da autoría á vida real, unha vida real que se alimenta á súa vez desa maneira de entender a narración. Porque todo o que nos rodea é narración. Todo. Todo que nos rodea nárranos.
Todo o que nos rodea nárranos. Lembrémolo sempre. E non nos empequenece, non nos diminúe se sabemos, se procuramos engrandecer todo o contexto (con-texto) que nos narra. Lembrémolo, agora que vimos de pasar un proceso electoral no que resultou vencedor  un eixo, unha perspectiva da vida que tende a empequenecer o contexto para así parecer máis grande ela. Lembrémolo porque desde aquí esgalla unha outra característica de As voces baixas. Que é unha novela memorialista onde o autor, máis que contar a súa infancia e mocidade deica conseguir un traballo onde non se molle, como fío condutor central, reflexiona e pon en letras de tinta negra a vida que o acompañou. De xeito que o protagonismo é máis a grandeza da humilde humanidade que lle acompaña o vivir que o eu narrador. Ou tanto, porque a novela vén contada en primeira persoa, o outeiro desde que se ve.
Así, a novela de Manuel Rivas ocupa un particular espazo tanto como texto literario como, seguramente, como esforzo memorialista vital. Cando un autor escribe unha autobiografía agárdase outra cousa do que aquí atopamos, porque o que aquí atopamos é, máis que biografía individual, unha historia colectiva escrita ente a evocación (pasado) e a creación (presente, cara ao futuro), unha actualidade entre memoria e historia. Unha actualidade, unha novela, tamén agradecida, non só de louvanza senón tamén de agradecemento. De agradecemento non só porque é o que o acompañou senón tamén porque é o que lle permitiu entender a vida como a entende, ese territorio tan seu, tan máxico e tan particular, entre a visión poética (estática, como xeralmente se define) e a necesidade narrativa ( entendida como imperiosa proxección dinámica do eu no contexto e do contexto no eu). Esa perspectiva, máxica e particular, onde se escriben con letras maiúsculas a solidariedade ( do eu co contexto e do contexto co eu) e a comprensión,  a maneira de entender o mundo. Que é, xustamente e na nosa opinión, o que o lector agarda, o que o lector ansía atopar en cada nova entrega literaria de Manuel Rivas.
Non é nin a primeira nin a derradeira ocasión en que se novela boa parte da metade postreira da ditadura franquista, na mente temos, por exemplo, as expléndidas Casas baratas (Galaxia, 2005) de Antón Riveiro Coello. Mais Manuel Rivas soubo atoparlle ese lugar único que está reservado aos grandes, aos grandes narradores que, conten o que conten, é sempre recibido como auga salvífica e reparadora que te mergulla en si até te devolver á vida cun sorriso de agradecemento por asisitir ao texto de alguén que entende a vida, unha vida coma a túa, e fai da vida unha festa narrativa, unha celebración literaria na que ti, lector, te sentiches partícipe, pola familiaridade, pola proximidade ao lector que Manuel Rivas é quen de acadar como poucos, proximidade nacente da perspectiva que o contexto ( con-texto) fixo posíbel nacer, pechándose así o círculo.
Alén disto cómpre salientar tamén a configuración das personaxes, personaxes que son persoas, perosas humildes, traballadores ou heroes da vida ( lavandeiras, leiteiras, albaneis, músicos…) fondamente humanos e entre os que salientan aqueles que caladamente fan algo polos demais, aqueles que se entenden como membros dunha colectividade, e dos que aprende, o sentido da loita diaria e calada e constante, como o pai cando se desfai do acrodeón porque a outro lle axudará a comer, como Chao cando ten que ler en silencio e soidade Longa noite de pedra (Celso Emilio Ferreiro), para que el, para que eles despois arrisquen na representación d´O catecismo do labrego de Valentín Lamas Carvajal, porque aprenderon que na vida só se avanza arriscando.
É tamén novela que ningún coruñés debera deixar de ler, porque retrata maxistralmente a transición da cidade cara a grande urbe que hoxe, constituíndose en texto desde o que asistir ao verdadeiro valor ou orixe de espazos que hoxe son urbanos, desde a asimilación de entidades poboacionais menores mais de grande identidade colectiva (Castro de Elviña) a como a irracionalidade, a ignorancia e o desprezo á historia fan que sexa chantado un trasformador de FENOSA no medio e medio dun castro. Pecado maior, para os coruñeses e coruñesas que deixen de ler esta novela.
E nin queremos nin podemos rematar esta crónica libresca sen mentar un outro aspecto.O feito de que na primeira metade da novela Rivas traballa con especial éxito o uso do adxectivo e da atribución, calibrando moi ben a súa ocorrencia, sen nunca abusar deles, e seleccionando de tal xeito, de tal poético xeito, que o adxectivo remata por violentar o seu estatismo formal ao incorporar ao valor descritivo-narrativo a perspectiva lírica. Sendo así que, e velaí un dos grandes segredos da narrativa de Manuel Rivas, á vez que narra conta sentimentos, e outra vez volvemos á proximidade, á familiaridade, á confidencialidade que o lector atopa nas palabras do autor. Outra vez volvemos a que a escrita de Manuel Rivas chegue tan dentro.
E se outra vez volvemos ao uso do adxectivo antes visto, moito menor na segunda metade, podemos concluír que hai un momento en que toda forma se volve esencia, e xa non é tan preciso, instalándose así o texto entre un certo existencialismo ou neoexistencialismo e uo esencialismo. Que se manifesta no recurso ao período curto, mesmo moi curto, puntual e estalante como lostrego. E que ás veces desconcerta ao lector, instalado na confortabilidade da compaña comprensiva do narrador que pide complicidade, porque o obriga a rachar o ritmo lector.
Eis outra nova novela de Rivas para que o lector se reconforte na literatura e tire dela máis ganas de vivir e ler. Que estoupan as marabillas do mundo, a redor.
ASDO: Xosé M. Eyré
( Publicado en Galicia Confidencial, 3-11-2012)

2 Comments

  1. Manuel Rivas: As voces baixas | ::Crítica literaria:::

    […] porque a novela vén contada en primeira persoa, o outeiro desde que se ve […]» {Ler máis en Ferradura en tránsito} window.___gcfg = {lang: 'pt-BR'}; (function() { var po = document.createElement('script'); […]

  2. Simon:

    Para ben ser no cumio do monte onde fica o castro o que foi chantado é unha torre, polo demais moi boa crítica, sobre maneira o último paragrafo polas precisións técnicas.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.