ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

as costuras da liberdade

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA — 17 Decembro 2012 @ 8:43 p.m.

O pasado venres, no transcurso da Cea Literaria que se celebra logo da cerimonia de entrega do García Barros, onde este ano foi distunguido Santiago Lopo pola que é unha das agradábeis sorpresas deste ano, debatiamos a sobre a unicidade do texto literario ou a súa dispersión, pois  a Hora Zulú é un magnífico exemplo do tema a debater. Moitas foron as posturas e ninguén ficou coa palabra na boca, e tamén variadas foron as perspectivas. Case todas partían de intereses autoriais, como era lóxico pois os creadores era maioría. Iso sorprendeume, pois vivimos tempos onde cada vez se reivindica máis a importancia do lector no estatuto literario, chegando case a considerarse coautor na Literatura Mínima ou Hiperbreve, e tamén na poesía máis vangardista. Lembro, si, que Xesús Constela si se acordara do lector.

Eu optei por falar só cando todos se tiveran manifestado. O cemento da continuidade necesaria para trabar un discurso no unitario, non monolítico, estriba na habilidade á hora de permitir e facer posíbel que o lector estableza contigüidades entre os diferentes fragmentos. E non, nin moito menos, deixadeza autorial, claudicación, máis ben todo o contrario: para permitir e fomentar o establecemento de contigüidades textuais cómpre un dominio do texto completo moito meirande que cando se escribe un texto unitario. Non hai renuncia, senón opción por unha lectura activa que estableza as costuras precisas na decodificación da historia ( nótese que  non digo texto; toda historia é texto, mais quero agora reivindicar que  o texto se escribe en función da historia) a partir dunha sintaxe creativa que convida e esixe un lectorado activo.

Carlos Lema opinou que non é o lector quen establece as contiguidades, senón que estas veñen esixidas xa pola propia forma de presentar a historia, en páxinas consecutivas e numeradas, tese que tamén defende nas Indeterminacións publicadas en Axóuxere Editora e aquí comentadas.

En si, resulta incontestábel que esa é a forma de presentación. Porén, afecta a forma de presentación á lectura? Como? Unha novela publicada en rolo en lugar de páxinas numerada e consecutivas…esixe unha forma de decodificación especial ou diferente? Particularmente non o creo.

E o tema ten máis interese do que pode semellar, visto a mudanza de tipo de lectura que se está a efectuar nestes tempos e aquí tantas veces temos comentado. Alén de que enfronta dúas concepcións do libro opostas: por un lado o libro como sistema, como sintaxe pechada, e por outro o libro como fiestra aberta desde onde se olla moito máis do que os marcos  encerran entre os seus muros. Velaquí, nesta segunda opción as costuras da única liberdade que nos vai quedando.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.