ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

proselitismo, demagoxia social e literatura

Filed under: POLÍTICA, SOCIEDADE, CULTURA — 10 Xaneiro 2013 @ 6:41 p.m.

Proselitismo, que palabra máis fea! Na miña memoria persoal quedan os esforzos do OPUS por inserirme entre os seus membros, a arañeira de discursos cos cales Fermín tentaba convencerme ( e non o facía de mala fe). Para moit+s esta palabra, proselitismo, está asociada a cousas semelllantes. Os esforzos da ditadura pr convencernos das súas bondades…

Convencer, palabra basilar.

Para +s human+s é importante convencer e ser convencid+s. Velaí unha arma contra a soidade; a prol do gregarismo, se queren.

Proselitismo, convencer. O nacionalismo ten por diante un inexorábel labor proselitista, de convencemento. De convencemento do evidente. Que é o máis duro. Convencer de que somos unha nación histórica. Convencer de que temos unha moi importante cultura. Convencer da utilidade e importancia da propia lingua como centro gravitacional da existencia, da importancia da nosa propia óptica á hora de enfrontar a vida. Convencer de que precisamos políticas consecuentes coa nosa propia realidade histórica. Convencer da importancia transcendental de gobernarnos nós, desde óptica propia e nosa…

Se os votos foron a menos, desde hai tempo, entre a mocidade é que aí fixéronse mal as cousas. Fixéronse?

Convencer do evidente. Que é o máis duro. Porque convencer do que non se ve, como proselita a relixión, é moito máis doado, é moito máis doado a causa do paraugas da fe.

Convencer do evidente e oculto. Evidente e oculto. Oculto á sociedade a través de practicas demagóxicas:

falacias (somos españois desde sempre),

manipulacións (Rosalía nunca foi romántica; o minifundismo non é ningunha lacra, xa quixeran os andaluces ter minifundios!; a literatura galega non pode ser nacionalista pero a española si)

omisións (eses reis da Galiza que interesadamente non contan, a trascencia das Guerras Irmandiñas…)

redefinicións da linguaxe (incluímos aquí todo o castelanizado?, topónimos, nomes propios, apelidos…, iso e todo o demais!)

tácticas de desviación da atención (primeiro atende o teu peto, as teorías solidarias non te teñen en conta porque simplemente te ignoran)

demonizacións ( os nacionalismos, non españois, son excluíntes, malos, perversos…)

creación de falsos dilemas… (todo o relativo ao país, o propio do país, é sinónimo de atraso, mentres o español é sinónimo de progreso)

instauración de verdades únicas e incuestinábeis (só a dereita goberna ben, é eficiente)

Só puxen algúns exemplos do que eu denomino demagoxia social. Non se adoita falar da dimensión social da demagoxia, o máis frecuente é falar da demagoxia a nivel individual, comom moito grupal, con  intencións proselitistas. Seino. Mais resulta evidente que existe tamén un discurso social, e a proba está en que ese discurso social ou maioritario é diferente na diatopía.

E foi ese discurso social o que fixo proselitismo coa mocidade abandonada polo nacionalismo. A través dos medios de comunicación, fundamentalmente e fundamentalmente alleos. E da perversión dos propios: CRTVG.

Fronte a todo isto, a literatura. Os ollos voltos letra dos grandes visionarios e pensadores, que nos regalan as súas historias para que entendamos máis e mellor. Regalan. Vai percibir Rosalía estipendio se ti mercas un libro  seu? Nin que  o recibira se pode considerar pago, senón misérrima compensación.

Cres se queres crer, mais ninguén te coacciona. O protagonista es ti. Queda liberdade fóra da literatura?

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.