ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

vergoña, política e literatura

Moito é a falar de corrupción. Sáelle unha gorda ao PP e xa logo procuran atopar eles outra no PSOE. O ” e ti máis” eríxese no auténtico criterio rexente da política actual. Sendo que con ese ” e ti máis” non se limpan as condutas indecentes dun partido senón que a esterqueira se agrande cada vez máis.

E, no medio, o cidadán de a pé. Estupefacto por hábito vital xa. Vamos, que como moito esboza un sorriso irónico.

A vergoña nos nosos días semella só ser unha lembranza dalgún pasado en que a sociedade debeu ser máis xusta. Nin iso. Non pasa dun simple desideratum a  esixir dos demais, non a esculcar nun propio. É máis, negándose por principio a nin sequera cuestionarse tal posibilidade.

Á vista do dito e do escrito onte…non sería raro pensar que a vergoña xa só é un concepto con cabida na literatura, en certa literatura preocupada nos valores éticos, sobre todo. Ou, dito doutra maneira, en certos autores preocupados pola deriva ética da sociedade. Autores incómodos, marxinados como sexa a un día de gloria consistente en saír nos papeis denunciando. Que tampouco é tanta incomodidade.

Ou, á veces nin iso. Penso por exemplo na miña lectura desta semana, Podería falar de nubes (Francisco Castiñeiras, Redelibros). Franciso Castiñeira é un autor novo, que edita nunha editora con  moita vontade e moitos menos recursos. E o seu libro é absolutamente recomendábel, do melloriño de 2012, do melloriño sen dúbida ningunha. Mais nin que fora Manuel Rivas tería a atención mediática xusta para a súa obra. Non, os medios, eses grandes culpábeis, teñen orde de silenciar, de subvalorar, de minimizar. En xeral, as páxinas locais son o consolo do tonto.

Unha vergoña, seica os señoritos teñen máis vergoña cós pobres. A vergoña éche cara, os pobres non a poden pagar. Os do pazo si. Escribe na páxina 91. Así extrapolado, que Deus lle conserve o optimismo ao pobre vello ao que lle contan as historias…

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.