ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

entrando na polémica

Pedro Feijoo publicou no Galicia 21. Journal of Contemporary Galician Studies un artigo:” O best seller como elemento normalizador: fillos dun mar complicado”. Coñézoo por este artigo en Letra en Obras. Diso vou falar, sobre iso é a miña reflexión.

Sinto un moi fondo respecto por quen escribiron os artigos. Comprendo e aplaudo a finalidade que perseguen ambos, que en ningún caso está escritos por mal da nosa literatura. Mais eu vexo as cousas de distinta maneira. 

Que si, necesitamos moitos best-seller, cantos máis mello, porque contribúen a normalizar noso sistema literario…entendendo como normalización o feito de que son discursos que chegan a un potencial grande número de lectores. Agrandan o lectorado, efectivamente. Mais a normalidade literaria non consiste en convidar todo o lectorado a café con leite. A normalidade literaria só se consegue a partir da diversidade, de que o sistema sexa quen de atender un horizonte amplo de necesidades lectoras. Cómpre lembrar unha cousa, que esa foi a xustificación desede a que a novela de xénero se foi implantando entre nós; así que querer xeralizar o lectorado ao café con leite resulta un contrasentido.

Non me prace, nada, o titular de Letras en Obras, demasiado tópico e falso. Non explicarei o de tópico, por desnecesario. Mais si o de falso, porque á luz do dito no parágrafo anterior fica ben claro que quen quere ler/escribir/beber café só, descafeinado, cortado etecé…non está precisamente mirando o embigo onanisticamente senón contribuíndo á diversificación, á normalización.

Hai aínda outro aspecto sobre todo iso, que ten que ver coas peculiaridades duha literatura periférica como a galega. Sermos así, periféricos e non masivos, permitiu que se puidera atender bastante ben a diversidade creativa do noso sistema. E iso é unha baza moi importante á hora de divulgar ou fomentar a lectura. Importantísima. Porque podemos atender apetencias lectoras moi diversas e persoais. Esa atención á diversidade dificilmente se produce/produciu en sistemas masificados.

Di Pedro Feijoo: ” Xa sei, nin o meu nome nin moito menos a que me dedico son cousas que a ninguén lle interesan”. Mal empezamos, constatando, difundindo e contribuíndo a manter un aspecto social negativo. É  non só é cousa de pareceres, se eles mesmos non se aprecian debidamente que non pidan iso dos demais. Nonsi? Por suposto, a miña consideración dos autores é diametralmente diferente.

” Ninguén se debe marcar nunca as pautas da creación estética, sexa cal sexa a disciplina que cadaquén escolla para facer valer a súa voz. E a Literatura, a arte que emprega” Permítaseme unha pequena, ou ben grande, matización. Non se debe prescribir a arte, certo, mais é imprescindíbel a descrición, absolutamente imprescindíbel. Entre outras cousas porque ao que non se pode chegar é a iso de que calquera cousa serve, non todo o escrito é literatura e hai cousas escritas sen finalidade literaria que teñen moita literatura dentro. Alén de que sen a descrición “dos cánones”, a súa transgresión é máis difícil e non pasa de ocasional ocorrencia precisamente porque se descoñecen ese “cánones”

Hai outra cousa que me sorprende, e moito, cando fala do desencontro entre o lectorado galego, obras e autores. A culpa dese desencontro non a ten un sistema literario para elites culturais. Nin moito menos. A culpa dese desencontro está na carencia de plataformas de comunicación en primeiro lugar. E no feito de que a literatura galega accede á época “democrática” na subalternidade a que o fanquismo ( e non só, que isto chega desde os Séculos Escuros) a condenou. Subalternidade que a Xunta, a administración autonómica “propia”, se esmerou en non combater.

Afortunadamente non toda a literatura francesa é J. Verne, tamén hai Raimbaud ou Baudelaire. Nin toda a literatura inglesa é  á maneira Dickens. E mira que admiro ambos e dous.

Sei que isto é inxusto: seleccionar polemicidades cando comparto outros moitos xuizos no artigo de Pedro Feijoo e tamén no de Letra en Obra. Si. Mais aínda que na literatura todo é revisábel e debe ser revisado…cómpre ter en conta se avanzamos ou o noso andar só dá voltas á nora. E somos os que estamos en movemento os que nos temos que avisar mutuamente.

1 comentario

  1. Solleiro: «Pretender best sellers nun contexto literario no que se venden 200 exemplares é bastante absurdo» | Letra en Obras:

    […] súa parte Eyré publicou tamén na rede un breve texto que leva por título “entrando na polémica”. No mesmo mostra o seu desacordo co artigo de Feijoo pero tamén co enfoque que Letra en Obras lle […]

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.