ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

porque escriben os autores, valor da obra escrita /palabras para don AGustín Fdez Paz e dona Fina Casalderrey

Ía eu cara á facultade de Mazarelos, pola mañá cedo, cando en sentido inverso viña un grupo de persoas, entre ese un escritor.

-Pois eu escribo para ligar…

É pode, e é, un motivo tan lexítimo como outro calquera para escribir. Nin é a primeira vez que conto o caso, nin tampouco a primeira en que reflexiono sobre o asunto.

Si, hai quen escribe para ligar. E hai quen escribe para engordar, para engordar un curriculum que lle dealustre intelectual, ou para engordar o ego intelectual que algunha vez lle agromou. Tamén os hai que non lles chega esas engordaduras e aínda pretenden unha outra maís: a da conta corrente. Adoitan ser moi intransixentes, estes, instrumentalizadores e de vontade facilmente comprábel. E nin así se egotan as posibilidades, aínda quedan os que fan todo simplemente por unha cea con nécoras rodeado de amigos e ou chufadores.

A que ven agora todo isto? Pois a que todo iso tamén ten que ver, tamén repercute na valoración que o lector fai da obra. E é lóxico, porque aí tamén se ve a seriedade coa que encaran o feito creador. Si, despois un autor que non é nada recomendábel como persoa pode escribir auténticas marabillas. Pode. Mais que llas queiran ler…xa é outra cousa. E digo máis, dun autor serio e de lei, o lector pode aturar escritas non tan esixentes formalmente, unha vez e outra tamén e aínda outra máis. Porque son escritas, máis ou menos afortunadas, que o lector sente próximas no eido dos afectos ( outro día teño que falar dos afectos que esperta a obra literaria), hai confianza, que se di.

Non se esgotan as posibilidades, non. Porque tamén os hai que escriben, que se toman o traballo de escribir, sabendo que contribúen a engrandecer a cultura da sociedade a que pertencen. Xentes que nunca esquecen iso. Non hai nada era nomeado Doctor Honoris Causa pola UVIGO don Agustín Fernández Paz. E entraba na RAG dona Fina Casalderrey. Ambos e dous moi merecentes das distincións de que foron obxecto. Ambos e dous contribuíron e contribúen ao engrandecemento de Galiza a través do engrandecemento da Literatura de Nós. E por algo será que son dous autores cunha fiel e ampla parroquia de lectores, mesmo diría que de fans.

A ambos, Fina e Agustín, máis para alá da valía da súa obra, que non é momento nin oportunidade para avaliar particularmente, son dúas persoas que sempre tiveron como finalidade para a súa obra engrandecer a cultura de nós. Modestamente e sen extravagancias peliculeiras para a prensa. Sen darse á cómoda folganza de vivir á sombra dalgúns título de éxito. Creando, desde a humildade, o que case non había: a LIX.

A ambos, Agustín e Fina, temos moito que agradecerlles os galegos de ben, porque fixeron/fan a nosa vida mellor e máis aturábel e máis rica. Fixéronnola así a nós e aí queda para os restos. Temos que agradecerlle iso, mais tamén temos que lles agradecer o impagábel exemplo de compromiso coa Terra, co País, coa Cultura Propia, o impagábel exemplo de quen saben ser tamén mestres de vida. E deles apredemos día a día os Bos e Xenerosos. E deles pode aprender e aprende o mundo enteiro, porque o amor e a sabedoría que viven nas palabras non entenden de fronteiras.

Para vós, Fina e Agustín, o meu agradecido recoñecemento, e estas humildes palabras.

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.