ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

a literatura en tempos de crise

No ronsel do artigo de Pedro Feijoo quédanme algunhas cousas por comentar. Digo no seu ronsel porque foi artigo de Pedro quen mas espertou. A primeira delas, e pouco comentada polo que eu teño visto/lido, é algo que ten que ver co significado de best-seller para os galegos dos anos 80. É dicir, que agardaban os lectores dos 80 dun best-seller galego? A resposta é ben sinxela, non agardaban o mesmo que nun best-seller noutra lingua. Sentíase a necesidade de títulos que dalgunha maneira xustificaran ou visibilizaran a sociedade galega como vítima dunha na que se lle impediu participar autonomamente. Sentíase tamén a necesidada de prestixiar o xénero narrativo con discursos complexos e moi ricos formalmente. Esas necesidades eran horizontes de expectativas sociais, non imposicións ideolóxicas, como ás veces se quixo facer ver.

Na resposta que escribín ao artigo de Pedro Feijoo argumentaba que a verdadeira normalización da literatura galega debe chegar a través dunha vertebración xenérica que dea resposta a un amplo abano de expectativas lectoras. E isto, malia a condicionante de sermos unha literatura periférica, marxinada, sometida secularmente ao imperio castelán…isto levouse a cabo con bastante éxito ou cun éxito máis que salientábel.

No meu acontecer do día de hoxe hai dúas cousas relativas á literatura que non quero deixar de pasar. A primeira: entre a miña colega de Departamento, María Xosé, e mais eu estudamos a posibilidade de poñer en marcha clubs de fans. Clubs de fans de escritores. Non van ser as VIP as únicas que teñan fans. Porque me consta que hai lecores que son auténticos fans de escritores. E a segunda, a segunda ten moito que ver coa liña temática desta anotación. Varios alumnos a e alumnas do centro onde imparto, alumnos/as ou ex-alumnos/meus, maniféstanse absolutamente sorprendidos, abraiados e compracidos das múltiples posibilidades lectoras que ofrece a literatura galega. Veñen de ler O país adormecido ( Xabier Docampo), con satisfacción xeral. Despois leron As rapazas de Xan (Manuel Iglesias Turnes), ben distinta, por certo e tamén lectura con moi elevada satisfacción. Son alumnos e alumnas que están aínda impresionados pola obra de Agustín Fernández Paz e levan un título de ganchete con outro. No medio dun panorama onde 2044 (Eduardo Santiago) sorpendeu grandemente. No medio dun ambiente onde xa existen títulos canonizados por lectores compañeiros seus. Como Os bicos de Tina, O penalti de Fuco ( os dous de Afonso Eiré), A pensión Eva ( Andrea Camillieri), Casas baratas (Antón Riveiro Coello, en realidade todos os seus títulos van de ganchete) Os nomes do traidor ( X, Sierra Veloso), Herba moura (Teresa Moure), Pressing catch (Paula Carballeira), Made in Galiza (Sechu Sende), 50 asasinatos breves e un prólogo (A. Sánchez Lorenzo), as sucesivas edicións do teatro radiofónico…

-Para, profe, que  non damos abasto!

-Pois non debedes deixar de ler Hora zulú (Santiago Lopo), xa veredes…

E volveron escribir. Conteilles un breve resumo da trama, que anotaron con interese.

-E agora por cal empezamos?

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.