ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

leccións de ética para Martita

Martita, estate calladita, que xa cho dixen onte, non porque vaias estar máis bonita, que xa sabes, a beleza que importa é a de dentro, a que sae pola boquita, por exemplo. E a esa beleza non é allea, senón todo o contrario, a cantidade e calidade de cultura ou incultura que un posúa. E sabes, Martita, nun escritor ou nunha escritora, quen vaia mercar un libro seu agarda que o autor ou autora sexa máis culto ou máis listo ca el, e é lóxico, xa que vai pagar uns cartiños ninguén con dous dedos de fronte paga para que lle orneen á orella.

Xa sei, hai algúns autores que non saben promocionarse sen provocar, mesmo algún presenta aí cadros patolóxicos severos. Mais incluso para iso cómpre ser culto, cómpre ter cultura, cultura da boa, que é algo máis que o Babelia semanal, ou que as follas de adestramento ideolóxico ultradereitista que calquera con mal gusto pode recibir na casa.

Mira que cho digo polo teu ben, sabes?, que un xa ten os seus anos e viviu e leu moito e é virtude ensinar a  quen non sabe, porque o único burro que non está en perigo de extinción é o de dúas patas…

Mira, onte xa che chegou, con iso de demostrares non saber cando se empezou a usar o termo nacionalista…

Mira, nantronte aínda lembro como te metías con Ferrín, a cultura opus-supermercado á caza de Ferrín

E non che chegou e vés hoxe latricando que é por xente como a do BNG que Rosalía deixou de escribir en galego. E ti sabes moi ben que iso foi porque daquela tamén había xente coma ti, saramagos na leira, cizaña na vida. Esa foi a xente culpábel, a que solta calquera chorrada con tal de obter foto nos papeis, calquera chorrada, sen achegar nin unha soa proba…nin sequera un minimo de lóxica…

Mira, Martita, dille ao teu papaíto que se afane un chisco máis en buscarche palestras nos casninos, nos casinos de pobo, se aínda queda algún que te ature. Aí vas facer menos dano porque a xente atende o subhastado, que é  o que importa, mais ti saes nas fotos dos xornais e papi queda contento…

A ser posíbel, Martita, que as palestras chas busque por Madrid, que os xornais son máis grandes, ten máis pedigrí para xentes descastadas coma ti e aquí respiramos ar moito máis puro…

E, para rematar, Martita, que o tempo é ouro e contigo malgástase e non están os tempos para esas cousas, vouche dicir un cousiña-cousa, porque xa me estás enchendo e pídechas o corpo, queridiña ( que cantaba Ana), que como me dea algún día por falar dos empréstimos indecentes que colleches de autores galegos en galego…Porque, Martita, sabes?, eu diso sei moito máis ca ti…

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.