ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

fumata negra na rúa Tabernas

Filed under: POLÍTICA, SOCIEDADE, CULTURA — 14 Marzo 2013 @ 6:07 p.m.

Consumada a anunciada marcha de Ferrín, ábrese un novo período na RAG. Valaí o tópico; coma todos, mentirán. Porque non se trata de abrir un novo período, xa o abriu Ferrín cando viu que a súa situación de cerco e derrubo xa estaba ben de aturala. Cerco e derrubo, por máis que non guste aos partidarios de demonizar a quen fale de confabulacións, por máis que non lles guste eu percibo que esta é a sensación que na rúa ten a xente. E creo que pensar outra cousa é dunha inxenuidade excesivamente irresponsábel ou politicamente interesada. As probas son evidentes. Praceríame que non fora así, mais as respostas que foron dando ao conflito deixan as cousas no seu sitio.

E teño que dicir, outra volta, que se os resultados das eleccións galegas foran outros non se tería producido ese acoso e derrubo.

E teño que dicir que non confío nos académicos, nada, e oxalá me equivoque. Mais non creo que se abra un debate interno sobre as formas a empregar polos académicos. Todo isto estoupou coa denuncia feita da situación da filla de Ferrín, con moi malos modos e peores intencións se produciu este achegamento de balas ao enemigo. Xa o advertín no seu tempo. Saber ser e estar, algo tan sinxelo, non debe ser académico que non domine esta arte. Os intereses da RAG tñen que ser os intereses de Galiza. Calquera outra cousa é unha fraude. E un xa vai cocido de fraudes procedentes da RAG, moi cocido.

Quizá minta. Porque, a dicir verdade, cando comezou todo isto foi coa ruptura da unidade de actuación fronte ás aldraxes da Xunta-PP e seus os ppetimetres de ínfulas borrachos. Si houbo solidariedade institucinal coa Xunta para recoller un trofeo, si houbo solidariedade institucional coa Xunta de Enemigos da Cultura Galega. E non houbo solidariedade institucional con Ferrín. Nin importou rachar a unidade de actuación da cultura galega, nin agora importou botar man de formas barriobaixeiras con tal de botar a Ferrín.

Mais non, non penso que vai haber un debate entre o piñeirismo e os que refugan calquera rebaixa nas esixencias vitais da cultura e da nación galega. Non creo que o haxa. E ás probas me remito, a Historia fala. Queren vover reeditar a García Sabell? É iso? Porque un non cre que Ferrín estorbara nin polo da filla, nin polo do decreto antigalego, nin polo das contas. Esas son excusas, covardes excusas aparentando “razóns serias”.

Cando o de Galaxia fun ben claro no que dixen, e non  o vou ser menos agora. Que vaian pensando que a marcha de Ferrín non lles é un vitoria. Botárono mais non venceron. Só houbo unha vítima. Un derrotado. Galiza. Compensoulles? Se responden que non, para que o fixeron logo? Se responden que si…que o Demo llelo premie como merecen.

E que vaian sabendo que aínda quedamos algúns que non estamos dispostos a non tragar sapos. Nin agora nin nunca. Eles sementaron este mal vento podre, pois que estean atentos, porque sempre se recolle do que se semanta. Quérennos devolver á década dos oitenta? Ollo, porque se nos obrigan a volver atrás…pasaron moitos anos e fomos perdendo a inxenuidade, e temos as cousas máis claras.

Só houbo unha vítima. Un derotado. Galiza. E o que realmente lle vai tirar proveito é o PP.

A don Xosé Luís Méndez Ferrín agradézolle ter unha idea moi clara de Galiza de da Cultura galega. Loitar por ela e nunca ter renunciado nin un minúsculo chanzo. Quen veña a continuación será digo de que lle digan outro tanto? Oxalá que si.

Hai que reflexionar, si. Pouco nos queda por reflexionar a Ferrín e aos que pensen coma nós. Quen ten que reflexionar son os que o botaron. Ou algún día quedaran sen cultura galega que lles proporcione chiringuito de relavancia social. Moi axiña, polo camiño que levan. Así de simple.

Reflexionarano? Non creo.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.